A cidade de Lugo conta desde esta semana cunha nova entidade cidadá. A Asociación Veciñal As Carballeiras vén de constituírse co obxectivo de representar e defender os intereses dos barrios da zona sur da cidade.
Segundo explicou o presidente da asociación, Beni Abeledo, a nova entidade nace “coa vontade de sumar, construír e defender os intereses destes barrios”, entre os que citou Fingoi, San Roque, Fonte do Rei, Augas Férreas, Montirón ou Fontiñas.
Desde a asociación destacan ademais que estará aberta á participación de toda a veciñanza e consideran necesaria a creación de novas entidades veciñais “que velen polos intereses da cidadanía” en Lugo.
Como primeira actividade pública, a Asociación Veciñal As Carballeiras organizará o vindeiro sábado 9 de maio un roteiro polo barrio de Fingoi. A andaina comezará ás 11.30 horas no Centro Social de Fingoi e rematará na Praza Roxa, cun percorrido aproximado dunha hora e media. A participación será gratuíta.
A entidade tamén anunciou que informará das súas actividades e iniciativas a través das redes sociais.






