CCOO rexistrou nos concellos de Lugo, Guntín, Portomarín, Rábade, Outeiro de Rei e Friol unha solicitude formal para pedir á Xunta de Galicia a ampliación urxente dos recursos do 061 na área centro da provincia.
O sindicato denuncia que máis de 144.000 persoas dependen actualmente de só dúas ambulancias asistenciais e unha medicalizada para atender emerxencias as 24 horas, unha situación que consideran “grave e perigosa” pola acumulación de avisos e as demoras na atención sanitaria.
Segundo CCOO, Lugo continúa cos mesmos recursos de emerxencias desde 1998, malia o aumento da poboación, o envellecemento e a maior presión asistencial. O sindicato cualifica de “intolerable” que non se reforcen servizos fundamentais para atender casos críticos como infartos, ictus ou accidentes graves.
A organización sindical considera que a próxima licitación do transporte sanitario terrestre debe servir para incorporar, cando menos, unha nova ambulancia asistencial operativa durante todo o día.
Ademais, CCOO fai un chamamento aos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados para que reclamen solucións e defendan un servizo sanitario digno para a cidadanía. O sindicato asegura que continuará promovendo iniciativas públicas e institucionais ata conseguir un reforzo real dos recursos do 061 na provincia de Lugo.






