O goberno local habilitará no quiosco situado ao fondo da Praza Maior baños públicos e un punto de información turística, dando resposta a unha demanda existente nun dos espazos máis céntricos e transitados da cidade.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, explicou que a Área de Participación Cidadá fixo entrega do decreto que permite formalizar a incorporación deste inmoble ao patrimonio municipal, un paso que permitirá avanzar na posta en marcha desta actuación.
Segundo recolle o informe do Servizo de Contratación e Patrimonio, a acta da subasta pública celebrouse o pasado 21 de maio de 2026 e, ao quedar deserta, iniciáronse os trámites para a adxudicación do quiosco a favor do Concello de Lugo.
O propio informe municipal sinala que este espazo permitirá cubrir dúas necesidades existentes na Praza Maior, ao non contar actualmente nin con aseos públicos nin cun punto fixo de información turística nesta contorna, especialmente frecuentada tanto por veciñanza como por visitantes.
Desde o goberno local destacan que esta actuación forma parte do traballo que se está desenvolvendo para avanzar na mellora de servizos e equipamentos públicos da cidade, contribuíndo a ofrecer unha mellor atención á cidadanía e reforzar a imaxe de Lugo como destino turístico.






