A concelleira socialista Ana González Abelleira criticou este xoves que o Goberno local “presente como propios” avances en materia de persoal que, segundo sinala, “xa estaban previstos e encamiñados polo anterior executivo municipal”.
A edil explicou que a comezos de 2026 quedara definida unha folla de ruta elaborada xunto cos técnicos municipais para marcar as prioridades da política de persoal, incluíndo a execución da Oferta de Emprego Público de 2025, os procesos de promoción interna, a provisión de postos de traballo e o desenvolvemento da carreira profesional.
González Abelleira asegurou que cuestións como o reforzo da Policía Local e do Servizo de Extinción de Incendios xa formaban parte desa planificación previa. “O único que fixeron foi rubricar o traballo que outros deixaron preparado”, afirmou.
A concelleira tamén lembrou que entre os obxectivos previstos figuraban a actualización das listas de contratación e a negociación da carreira profesional do persoal funcionario, así como a cobertura de necesidades en áreas como Servizos Sociais, administración xeral e servizos operativos.
Desde o grupo socialista instan ao actual Executivo a continuar coa execución das medidas previstas “con rigor e planificación”.






