A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou este venres diferentes medidas destinadas a reforzar os servizos municipais, avanzar na cobertura de persoal e impulsar políticas sociais e de prevención.
No ámbito laboral, déronse luz verde ás bases para cubrir en propiedade 17 prazas de bombeiro/a condutor correspondentes ás ofertas de emprego público dos anos 2023, 2024 e 2025. O obxectivo é evitar a caducidade destas convocatorias e garantir novos efectivos para un servizo considerado esencial.
Tamén se aprobaron as bases para o acceso a 4 prazas de Policía Local en quenda de mobilidade, ademais da Oferta de Emprego Público sectorial da Policía Local para 2026, co fin de continuar reforzando este corpo municipal.
O goberno local destacou a necesidade de acelerar a cobertura de vacantes ante a falta de persoal en varios departamentos municipais, impulsando expedientes que acumulaban atraso.
Na sesión acordouse igualmente a composición do comité de selección do Obradoiro Dual de Emprego “Officium Curantis” e a data das probas selectivas deste programa de formación e emprego.
No eido social e sanitario, aprobouse o novo Plan Municipal de Adiccións 2026-2030, que marcará as políticas municipais de prevención, sensibilización e intervención fronte ás adiccións durante os próximos anos.
Desde o executivo municipal subliñan que estes acordos permitirán fortalecer os servizos públicos e responder mellor ás necesidades actuais da cidade.






