Concello de Lugo, a través da Concellaría de Deportes, Infancia e Xuventude, pon en marcha unha nova programación de outono dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos, que se desenvolverá na Casa da Xuventude do 19 de outubro ao 23 de decembro.
A proposta inclúe seis obradoiros semanais de fotografía, zumba, cociña, esgrima, ioga e oratoria, ademais de cinco rutas de sendeirismo pola provincia de Lugo. Todas as actividades son gratuítas e contan con prazas limitadas.
A primeira actividade será este domingo, 18 de outubro, cunha ruta pola cuarta etapa do Camiño Cantábrico, entre Burela e San Cibrao. O percorrido será de 14 quilómetros, de dificultade fácil, con saída ás 8:30 horas desde a Casa da Xuventude. A actividade inclúe desprazamento e comida, e dispón de 26 prazas. A inscrición para esta primeira saída deberá realizarse presencialmente na Casa da Xuventude.
Os obradoiros desenvolveranse ao longo da semana en diferentes horarios: os luns haberá fotografía e zumba; os mércores, cociña, esgrima e ioga; e os xoves, o obradoiro de oratoria, linguaxe corporal e autoconfianza «Fala con seguridade, pisa con forza». O programa de cociña contará con propostas temáticas de tempada, desde a cociña de medo e o batch cooking ata a gastronomía da terra e os pratos de Nadal.
O calendario de sendeirismo completarase en novembro cunha ruta micolóxica, un obradoiro de orientación no medio natural e unha ruta interpretativa dos soutos na Serra do Courel. En decembro celebrarase o tradicional Belén de cumio da Xuventude no Pico Tres Bispos, nos Ancares Lucenses.
O concelleiro de Deportes, Infancia e Xuventude, Damián Carballo, destacou que o obxectivo é que «a Casa da Xuventude sexa un espazo vivo, onde a mocidade lucense atope cada semana algo que lle interese, sen que o prezo sexa nunca unha barreira».
Inscricións e información
As inscricións para os obradoiros e as rutas posteriores poden realizarse a través do formulario en liña formulario.xuventudelugo.gal, ata completar as prazas dispoñibles. Para a ruta do 18 de outubro, a inscrición será presencial na Casa da Xuventude, de luns a sábado, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.
Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 982 297 444.
A Casa da Xuventude mantén tamén outros servizos, como o Punto BookCrossing, para o intercambio de libros, e a Casa da Música, aberta de martes a venres de 18:00 a 22:00 horas, ademais do Servizo de prevención de drogodependencias e adiccións comportamentais.





