O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso presentado polo Club Fluvial de Lugo (CFL) contra a resolución da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), relativa á autorización para o uso do dominio público hidráulico (DPH) no barrio de San Lázaro.
O conflito centrábase no cálculo do canon de utilización. Segundo explicou o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, nas medicións realizadas polo Club Fluvial quedaba excluída unha ampla superficie da parcela catastral onde se localizan diversas instalacións situadas dentro da zona valada e pertencentes ao dominio público hidráulico.
Co obxectivo de verificar os datos recollidos na resolución, a Confederación Hidrográfica levou a cabo unha delimitación detallada do DPH en relación coas instalacións do Club, calculando a superficie correspondente a cada unha delas. Segundo sinalou Quiroga, esta información “veraz e clara” foi determinante para que o alto tribunal galego desestimase o recurso presentado pola entidade deportiva.
O procedemento xudicial tiña a súa orixe no recurso contencioso-administrativo interposto polo Club Fluvial tras a desestimación por silencio administrativo do recurso de reposición formulado o 10 de xullo de 2024 contra a resolución emitida pola CHMS o 10 de xuño dese mesmo ano.
Expedientes sancionadores en curso
O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil lembrou que o Club Fluvial “está obrigado, como non pode ser doutro xeito, a cumprir as condicións da concesión outorgada por este organismo, tendo en conta que o uso do dominio público hidráulico non pode limitar os dereitos do resto da cidadanía”.
Neste contexto, destacou que actualmente permanecen abertos dous expedientes sancionadores. Un deles está relacionado co incumprimento das condicións particulares quinta e décimo oitava do expediente de obras, referidas á demolición da piscina infantil e ao peche das instalacións deportivas permeables e desmontables. O segundo expediente responde ao incumprimento da condición particular cuarta, ao non atoparse expedita a zona de servidume alternativa.
A CHMS subliña que o cumprimento das condicións da concesión resulta imprescindible para garantir a compatibilidade dos usos do dominio público hidráulico cos dereitos do conxunto da cidadanía.






