O Grupo Municipal Socialista de Baleira formulou no último Pleno ordinario varias preguntas dirixidas ao equipo de goberno do Partido Popular sobre diferentes asuntos vinculados aos servizos públicos e á xestión municipal, entre eles o estado das infraestruturas de captación da auga, a situación da base de incendios e a extensión do alumeado público no municipio.
En relación coas balsas de captación da auga, o portavoz socialista, José Tellado, solicitou ao Executivo local que traslade á Xunta de Galicia a necesidade de realizar actuacións de mantemento e adecuación destas instalacións. O grupo da oposición considera que o Concello debe realizar as xestións oportunas ante a Administración autonómica, competente nesta materia, co obxectivo de garantir o correcto funcionamento destas infraestruturas.
Outro dos asuntos abordados durante a sesión plenaria foi a situación das instalacións utilizadas pola unidade de prevención e extinción de incendios que presta servizo no municipio. Segundo expuxo Tellado, a brigada está a desenvolver a súa actividade nun local de titularidade municipal, ao tempo que preguntou polo estado da tramitación relativa á cesión deste espazo á Xunta de Galicia, unha cuestión que, segundo indicou, aínda non foi sometida á consideración do Pleno.
Desde o PSdeG sinalan a importancia de que este procedemento se desenvolva con transparencia e con todas as garantías, dada a relevancia deste servizo para a prevención e resposta ante os incendios forestais.
Por outra banda, os socialistas volveron interesarse pola evolución dos traballos de ampliación do alumeado público no municipio. Tellado solicitou información sobre os criterios seguidos para a execución das actuacións, así como sobre os prazos previstos e as zonas pendentes de intervención, co obxectivo de avanzar cara á cobertura deste servizo no conxunto do termo municipal.
O Grupo Municipal Socialista de Baleira indicou que continuará trasladando estas cuestións aos órganos municipais co propósito de coñecer a súa evolución e favorecer a mellora dos servizos públicos no concello.
Foto:Google






