A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou este luns a solicitude de declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) para os barrios da Milagrosa e Feijoo, unha iniciativa coa que se pretende mobilizar ata 13,58 millóns de euros para a rehabilitación de vivendas e a mellora do espazo público.
A actuación podería beneficiar 475 vivendas distribuídas en 27 rúas dos dous barrios, con axudas que oscilarían entre os 34.000 e os 50.500 euros por inmoble. As actuacións previstas inclúen melloras na accesibilidade, eficiencia enerxética, conservación e habitabilidade dos edificios.
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno deu luz verde a dez licenzas urbanísticas relacionadas coa rehabilitación e construción de vivendas no municipio e acordou delegar a sinatura das licenzas de ata 300.000 euros no concelleiro responsable da área para axilizar a súa tramitación.
Entre outros asuntos, aprobouse a contratación das obras de abastecemento de auga á parroquia de San Martiño de Ombreiro, cun investimento de 272.274 euros, e a prórroga do convenio entre a Xunta de Galicia, o Concello e Adif para o desenvolvemento da nova área intermodal.
Fóra da orde do día, o Goberno local acordou adherirse á rede de concellos contra o acoso escolar e iniciar a contratación dunha operación de crédito a longo prazo para financiar investimentos previstos para 2026. Tamén se aprobou unha incorporación de remanentes destinada, entre outras actuacións, ao San Froilán, a Praza de Abastos e o bono comercio.





