O Concello de Lugo abriu o prazo para solicitar autorización para a realización de fogueiras con motivo da celebración de San Xoán. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata as 13.00 horas do 23 de xuño nas dependencias da Policía Local, situadas na rúa das Artes, número 33.
A alcaldesa, Elena Candia, asinou o correspondente bando municipal, no que se recollen as condicións para o desenvolvemento destas celebracións.
Entre as medidas establecidas figura a prohibición de empregar combustibles líquidos ou acelerantes, así como de queimar materiais que poidan producir gases tóxicos, entre eles plásticos, pneumáticos, colchóns, madeira lacada ou gomaespuma.
O bando tamén establece que todas as fogueiras, sardiñadas e grelladas deberán contar con medios de extinción adecuados, como extintores, caldeiros con auga ou area.
As fogueiras non poderán situarse nas proximidades de liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns, e deberán manter unha distancia mínima de 20 metros respecto do arborado. Ademais, non estarán permitidas no centro histórico.
Os responsables e organizadores deberán retirar os restos xerados unha vez finalizada a celebración. Así mesmo, queda prohibida a solta de globos de papel, faroliños chineses ou outros elementos similares que utilicen o lume como medio de ascensión.
Segundo recolle o bando, o Servizo de Extinción de Incendios poderá proceder á extinción inmediata das fogueiras no caso de incumprimento das condicións establecidas ou ante queixas veciñais fundamentadas, por requirimento da Policía Local.
Por outra banda, con motivo da noite de San Xoán, autorízase a ampliación en dúas horas do horario de peche dos establecementos de hostalaría, restauración e ocio da cidade, de acordo coa normativa vixente.






