O Concello de Lugo porá en marcha un servizo especial de autobuses co obxectivo de facilitar os desprazamentos ao acto de apertura do Arde Lucus, que se celebrará na contorna da Ponte Romana.
O dispositivo de ida contará con dúas saídas dende a rúa Salvador de Madariaga. A primeira será ás 19.30 horas, con parada na rúa Santiago, á altura do Balneario. A segunda terá lugar ás 20.00 horas e realizará unha parada no paseo Álvaro Cunqueiro.
En canto ao servizo de regreso, os autobuses partirán ás 21.45 horas tanto dende o Pazo de Feiras como dende o Balneario. Todos os traxectos terán como destino a Porta de Santiago.
Segundo informou a organización, realizaranse tantas viaxes como sexan necesarias para garantir o traslado de todas as persoas asistentes ao evento.
Esta medida busca facilitar o acceso a un dos actos máis destacados da programación do Arde Lucus e fomentar o uso do transporte colectivo durante a celebración.






