O Concello de Lugo impulsará unha rede de aparcadoiros disuasorios que permitirá crear 293 novas prazas de estacionamento repartidas en oito puntos da cidade. A actuación combinará cinco parcelas municipais e tres privadas, estas últimas tras acadar un preacordo cos seus propietarios.
As parcelas municipais sitúanse nas rúas Primavera, Lucas Ferro Caaveiro, Río Eo, Xosé Castiñeira e na avenida de Vilaverde, mentres que as privadas están nas rúas Avutarda, Eloi Maquieira e Sanxillao. En total, habilitaranse 164 prazas en solo municipal e 129 en terreos privados.
Como primeiro paso, a Xunta de Goberno Local aprobará a licitación do contrato para redactar os proxectos técnicos dos oito aparcadoiros, cun investimento de 17.303 euros. Esta documentación permitirá definir as características das actuacións antes da súa execución.
Segundo o informe técnico que acompaña o expediente, a nova rede busca incrementar a oferta de estacionamento nas zonas periféricas da cidade, reducir o tráfico de paso e facilitar unha mobilidade máis eficiente.






