O BNG reclamou ao Concello de Lugo a posta en marcha de medidas de aforro de auga ante a baixada dos caudais en ríos e fontes e a previsión de altas temperaturas durante o verán.
O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, defendeu a necesidade de reducir o consumo de auga no baldeo de rúas e no rego de xardíns, ademais de planificar actuacións preventivas fronte aos efectos do cambio climático. Segundo lembrou, en anos anteriores o Concello xa aplicou restricións nestes servizos, mentres que outros municipios limitaron tamén o enchido de piscinas ou o lavado de vehículos.
Aínda que en Lugo non existe polo momento ningunha situación de prealerta ou alerta por seca, o BNG considera que o goberno local debe actuar con responsabilidade para garantir un uso eficiente dos recursos hídricos durante os próximos meses.






