ADEGA pide repetir a información pública da explotación porcina proxectada en Palas de Rei

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a través da súa delegación en Lugo, presentou alegacións ao procedemento de autorización ambiental integrada da explotación porcina de ceba prevista en Vilareda, no concello de Palas de Rei. A entidade considera que a documentación sometida a información pública é incompleta e solicita á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade que anule o actual trámite, requira á empresa promotora unha nova documentación técnica e abra posteriormente un novo período de exposición pública.

Segundo ADEGA, entre as principais carencias figura a ausencia do Anexo II do proxecto, no que deberían incluírse documentos como o contrato co xestor dos xurros, a certificación urbanística da parcela e outra información necesaria para avaliar a viabilidade da instalación.

A asociación tamén cuestiona o estudo de impacto ambiental ao considerar que non analiza alternativas ao proxecto e que a avaliación dos posibles efectos ambientais resulta insuficiente. Ademais, sinala que non se incorpora un estudo específico sobre o impacto das emisións de cheiros, malia que o proxecto recolle a xeración de compostos como amoníaco, sulfuro de hidróxeno e mercaptanos.

ADEGA entende que estas deficiencias dificultan unha correcta avaliación ambiental e limitan a participación da cidadanía no procedemento. Por iso, reclama que o expediente se complete conforme á normativa vixente e que se someta novamente a información pública antes de continuar coa súa tramitación.

Foto: Adega.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com