O deputado do BNG no Congreso, ven de reclamar ao Goberno do Estado unha investigación sobre os recentes apagamentos sufridos en Chantada, onde en menos dunha semana dous cortes de subministración deixaron sen electricidade durante horas o casco urbano e as 36 parroquias do municipio.
Segundo o BNG, os cortes provocaron importantes perdas económicas e numerosos trastornos para a veciñanza, o pequeno comercio, a hostalaría e as explotacións agro-gandeiras, con danos en equipamentos, perdas de alimentos e interrupcións nas comunicacións.
A iniciativa parlamentaria solicita un informe técnico sobre as avarías, reforzar o control sobre a empresa distribuidora e comprobar se se están a cumprir os estándares de calidade establecidos na Lei do Sector Eléctrico. Ademais, reclama que se supervisen as reclamacións das persoas afectadas para garantir as compensacións que lles correspondan e que se fagan públicos os datos sobre a calidade da subministración eléctrica en Chantada nos últimos cinco anos.





