O Concello de Lugo ven de emitir o seguinte comunicado: lamentamos profundamente a decisión do Goberno de España de designar Zaragoza como sede da Axencia Estatal de Saúde Pública, deixando fóra a candidatura de Lugo que reunía méritos obxectivos, capacidade técnica e un amplo respaldo institucional.
Para o Concello, esta resolución constitúe un novo desprezo aos lucenses e confirma que o proceso de selección estivo marcado por criterios políticos, afastándose do principio de obxectividade que debía presidir unha decisión desta relevancia para o conxunto do Estado.
A candidatura lucense presentaba argumentos sólidos e diferenciais. Lugo conta co Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, referente no seu ámbito; co potencial investigador do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, coa Facultade de Veterinaria como centro de excelencia; e cunha localización que respondía aos propios principios de cohesión territorial e equilibrio institucional que o Goberno afirmaba perseguir.
O Concello considera especialmente preocupante que, unha vez máis, Lugo vexa frustrada unha oportunidade estratéxica malia presentar unha candidatura rigorosa e solvente, o que evidencia a incapacidade do PSOE lucense para facer valer os intereses da cidade ante o Goberno de Pedro Sánchez.
Lugo non pedía un trato de favor. Pedía que se valorasen con rigor os méritos dunha candidatura construída desde o consenso institucional e sustentada en fortalezas obxectivas. A decisión adoptada supón unha nova oportunidade perdida para a cidade e un exemplo máis da falta de compromiso do Executivo central con Lugo”.
Post Views: 0