Lugo Monumental recorrerá a ordenanza da ZBE do casco histórico por considerala insuficiente e con dúbidas xurídicas

A Asociación Lugo Monumental anunciou que recorrerá pola vía xudicial a Ordenanza reguladora da Zona de Baixas Emisións (ZBE) do casco histórico, tras aprobarse definitivamente no último pleno municipal. A decisión foi adoptada por unanimidade dos asociados despois dun debate interno, aínda que a entidade matiza que recoñece algunhas melloras incorporadas ao texto definitivo respecto da versión inicial.

Segundo explica a asociación, eses cambios son positivos pero non modifican, ao seu xuízo, os aspectos esenciais dunha norma que segue considerando confusa na súa redacción e sobre a que afirma manter dúbidas acerca da súa legalidade. Entre as cuestións que critica figuran o mantemento dun incremento das sancións por reincidencia sen contemplar bonificacións por pronto pagamento, o límite de dúas horas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida nas prazas reservadas e a falta de mecanismos máis áxiles para autorizar accesos por reparacións urxentes.

Lugo Monumental tamén sinala que boa parte das alegacións presentadas durante a tramitación foron rexeitadas, aínda que destaca que algunhas propostas formuladas pola entidade, como a equiparación de bicicletas e patinetes co resto de vehículos en determinados aspectos da regulación, acabaron sendo incorporadas á ordenanza.

Outro dos argumentos da asociación é que a norma céntrase en restricións de acceso en función do uso ou do peso dos vehículos, sen establecer referencias directas ás emisións contaminantes. Neste sentido, propón un modelo máis flexible, con limitacións que poidan activarse cando existan episodios de contaminación, e considera que Lugo xa cumpría cos estándares ambientais esixidos.

A entidade insiste en que a súa posición non é contraria á peonalización do centro histórico. Pola contra, asegura apoiar ese modelo urbano, aínda que discrepa dalgunhas medidas concretas da ordenanza por entender que poden prexudicar a actividade da zona se non van acompañadas dun reforzo do transporte público ou de fórmulas máis flexibles, como restricións por franxas horarias ou por días determinados, similares ás que existen noutras cidades.

Desde Lugo Monumental defenden que a decisión de impugnar a ordenanza responde a un criterio de “coherencia e independencia”, ao considerar que as modificacións introducidas non alteran a filosofía do texto. A asociación lembra ademais que, segundo afirma, en anteriores recursos contra normativas municipais e autonómicas obtivo resolucións favorables.

O prazo para presentar o recurso contencioso-administrativo será de dous meses desde a publicación da ordenanza no Boletín Oficial da Provincia (BOP), trámite que aínda está pendente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com