A Policía Local de Lugo localizou nos últimos días dúas persoas con enfermidade de Alzheimer que abandonaran os seus domicilios sen que as súas familias coñecesen o seu paradoiro. Nun dos casos, un home foi atopado nas proximidades da zona industrial de Nadela grazas a un dispositivo de xeolocalización que portaba. No outro, unha muller de 68 anos foi localizada pola Policía Nacional tras un operativo de procura que se prolongou durante máis de tres horas.
Segundo informou a Policía Local, ambas as persoas regresaron aos seus domicilios sen consecuencias de gravidade.
No ámbito da seguridade cidadá, unha muller foi trasladada a dependencias policiais para a súa identificación despois de negarse reiteradamente a identificarse tras un altercado nun establecemento hostaleiro da rúa Miguel de Cervantes.
En materia de seguridade viaria, os axentes tramitaron once actuacións nos últimos días. Entre elas figuran catro investigacións por presuntos delitos contra a seguridade viaria ao superar os condutores a taxa penal de alcoholemia, con rexistros de ata 0,87 miligramos por litro de aire expirado. Ademais, investigouse un condutor por presentar un permiso presuntamente falsificado e outros tres por conducir sen autorización en vigor. Tamén foi denunciado un ciclista que deu positivo en catro sustancias estupefacientes.






