O Goberno local de Lugo avanzou este mércores na organización do San Froilán 2026 coa celebración da Comisión de Festas, na que presentou as principais liñas de traballo para a próxima edición. O Executivo municipal defende un modelo “máis aberto, participativo e accesible”, co obxectivo de manter a identidade da celebración e favorecer unha maior implicación da cidadanía.
As festas desenvolveranse entre o 4 e o 12 de outubro, mentres que o recinto feiral abrirá o 26 de setembro e permanecerá operativo ata a finalización do programa festivo.
Entre os primeiros acordos adoptados figura o mantemento dos prezos do polbo, os cachelos, o pan e o viño nas casetas do polbo. Segundo explicou o Goberno local, a decisión pretende evitar un novo incremento dos custos para o público despois da actualización de prezos realizada na pasada edición.
Durante a reunión tamén se informou do estado da planificación organizativa. O Servizo de Cultura comunicou que xa se atopan en proceso de licitación contratos relacionados cos escenarios, o son e a iluminación, os medios auxiliares, os servizos loxísticos, as carpas, a iluminación ornamental e a maquetación e impresión do programa oficial. Outros expedientes continuarán a súa tramitación nas próximas semanas, mentres que algúns servizos permanecen cubertos por contratos plurianuais.
Outra das novidades anunciadas é a recuperación do concurso aberto para escoller o cartel anunciador das festas. O Goberno considera que este sistema permitirá ampliar a participación de creadoras e creadores e que a selección da obra gañadora se realice conforme a criterios técnicos establecidos polo xurado.
Na Comisión abordáronse tamén cuestións relacionadas co carácter social das festas. O Executivo municipal manifestou a súa intención de manter a colaboración con entidades que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade para facilitarlles o acceso ás atraccións do recinto feiral, unha iniciativa desenvolvida en edicións anteriores.
Ao mesmo tempo, o Goberno local asegurou que continuará reforzando aqueles elementos que considera distintivos do San Froilán, entre eles a música, a animación de rúa, a gastronomía, a cultura popular e os espectáculos, co propósito de conservar a identidade dunha das celebracións máis representativas de Lugo.
O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez, sinalou que o obxectivo é que “cada lucense sinta que o San Froilán tamén é seu”, ao tempo que apostou por preservar as tradicións das festas e abrir novos espazos para a participación cidadá e a incorporación de novas propostas culturais.
O Concello informou de que continuará dando a coñecer nas próximas semanas novas iniciativas e detalles da programación do San Froilán 2026 a medida que avance a súa preparación.






