A Vicepresidencia da Deputación de Lugo celebrará este luns, 17 de agosto, o Día da Galiza Mártir cun acto de memoria e homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo. A convocatoria terá lugar ás 11.00 horas a carón do Vello Cárcere, xunto ao busto de Moncho Reboiras, onde se realizará unha ofrenda floral en lembranza de todas as vítimas da represión franquista.
O Día da Galiza Mártir celébrase cada 17 de agosto en lembranza de Alexandre Bóveda, dirixente galeguista e unha das figuras fundamentais do movemento político e cultural galego do primeiro terzo do século XX. Bóveda foi fusilado o 17 de agosto de 1936 polas tropas franquistas na Caeira, en Poio, tras o golpe de Estado e o inicio da Guerra Civil.
A data foi instaurada en 1942 pola Irmandade Galega de Bos Aires, que escolleu o aniversario do asasinato de Bóveda para manter viva a súa memoria e homenaxear tamén a toda unha xeración que sufriu a violencia e a represión do franquismo.
Desde entón, o 17 de agosto converteuse nunha xornada de reivindicación da memoria democrática de Galiza. A conmemoración transcende a figura de Bóveda para lembrar o conxunto das persoas represaliadas e reivindicar os valores polos que loitaron: a liberdade, a democracia e os dereitos colectivos.
Coa celebración deste acto, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo busca contribuír á preservación desa memoria e ao recoñecemento público das vítimas da ditadura, especialmente nunha data que simboliza a defensa da dignidade e das liberdades fronte ao fascismo.
Foto: Alexandre Bóveda






