O Lugo Music Festival reúne esta semana arredor de 150 músicos

A quinta edición do certame inclúe concertos na Praza Maior e no Círculo das Artes, ademais dun curso-concurso de dirección musical

O Lugo Music Festival celebra ata o sábado 22 de agosto a súa quinta edición coa participación de arredor de 150 músicos, na súa maioría lucenses. O programa combina música clásica e tradicional con jazz e outros estilos populares.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu este mércores na Casa do Concello unha representación da organización e dos participantes. Ao encontro asistiu o director artístico do festival, Cristóbal Soler, así como integrantes do comité organizador e directores procedentes de diferentes puntos de España, Bruxelas, Londres e Ucraína.

A Praza Maior acolleu o martes o concerto inaugural da Banda Sinfónica. O festival continúa este mércores, ás 20.00 horas, cun recital de solistas no Círculo das Artes, coa participación de Gerald Vázquez e da cantante Iria Estévez.

O xoves 20, á mesma hora, o Ensemble Xuvenil de Ventos ofrecerá un concerto na Praza Maior coa participación de Tabea Graser. A programación regresará o venres ao Círculo das Artes cunha actuación de Graser acompañada polo Grupo de Corda e Piano.

A clausura celebrarase o sábado, ás 20.00 horas, tamén no Círculo. Incluirá un concerto do Grupo de Corda e Piano, a final do V Curso-Concurso de Dirección Musical, unha mostra de baile con Nati & Jose Swing e a intervención do saxofonista Kike López.

O programa complétase con ensaios abertos ao público entre o mércores e o venres.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com