A Xunta de Goberno local de Lugo aprobou a adxudicación de tres obras e a licitación doutras dúas intervencións destinadas a mellorar a mobilidade, os servizos públicos e os espazos urbanos do municipio. O investimento conxunto supera os 2,4 millóns de euros.
Entre as actuacións adxudicadas atópase a pavimentación do Camiño Primitivo en San Lázaro, no barrio da Ponte. A obra será executada pola empresa Cholo, S.L. por un importe de 205.200,36 euros e terá un prazo de execución de tres meses.
Tamén se adxudicou o proxecto de abastecemento de auga en San Martiño de Ombreiro, incluído no Plan Provincial Único de Cooperación de 2026. A empresa Ogalia Contratas encargarase dos traballos, cun orzamento de 233.530 euros e un prazo de execución de tres meses.
A actuación de maior contía será a construción da pasarela peonil da Ronda da República Arxentina, que executará a unión temporal de empresas formada por Citanias Obras y Servicios e Geocaminos. O contrato ascende a 1.115.361,22 euros e establece un prazo máximo de execución de sete meses e trece días.
A oferta adxudicataria inclúe, ademais, unha ampliación de 36 meses sobre o prazo mínimo de garantía, polo que a actuación contará cunha garantía total de cinco anos.
O Goberno local lembra que o Partido Popular xa propuxera esta pasarela no Pleno municipal de xullo de 2021, aínda que daquela a iniciativa non saíu adiante polos votos en contra do PSOE e do BNG.
Dúas novas actuacións a licitación
A alcaldesa asinou tamén os decretos para iniciar a licitación doutras dúas intervencións. A primeira delas será a humanización do parque de San Lourenzo, cun orzamento de 469.254,17 euros.
A segunda actuación permitirá executar un vial de conexión entre as rúas Río Eo e Otero Pedrayo, no barrio de Paradai, por un importe de 390.780,57 euros.
“Son actuacións moi diferentes entre si, pero todas responden a unha mesma forma de traballar: atender necesidades concretas, desbloquear expedientes e avanzar en solucións que melloran os barrios, as parroquias e a vida cotiá dos lucenses”, destacou o Goberno municipal.
Axudas para a dinamización económica
A Xunta de Goberno local aprobou, por outra banda, unha convocatoria de subvencións dotada con 28.000 euros para apoiar proxectos de dinamización económica promovidos por entidades sen ánimo de lucro.
As axudas, impulsadas pola Concellería de Dinamización Económica, non poderán superar os 2.000 euros por solicitante. O seu obxectivo é financiar accións que contribúan a impulsar a actividade económica, empresarial e comercial, así como o emprego e a hostalaría, dentro do termo municipal de Lugo.






