O Concello dá o último paso para dispoñer dos terreos do novo centro de saúde no Sagrado Corazón

A Xunta de Goberno Local aprobou completar a expropiación dos terreos do antigo colexio do Sagrado Corazón mediante o pagamento de 726.000€ á Fundación Galicia Obra Social.

As actas de pagamento e ocupación formalizaranse, segundo a previsión municipal, o 10 de setembro. Unha vez concluído o procedemento, o Concello poderá poñer os terreos á disposición da Consellería de Sanidade para avanzar na construción do centro de saúde reclamado polo barrio. A información municipal non concreta, porén, os prazos para o proxecto nin para o inicio das obras.

Na mesma sesión, o goberno local adxudicou a Os Ventos Innovación en Servizos, S.L. o servizo de animación sociocultural dos centros de convivencia  O contrato terá unha duración inicial dun ano, prorrogable ata cinco, e elevará as horas anuais de actividade un 56 % máis.

O acordo inclúe tamén 1.350 horas adicionais sen custo, cinco novas saídas culturais gratuítas ao ano e 10.000 euros para eventos e actuacións.

A Xunta de Goberno aprobou, ademais, dous convenios coa Consellería de Educación. O alumnado de Hostalaría do IES Sanxillao poderá realizar actividades formativas na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, mentres que o CIFP As Mercedes utilizará espazos e equipamentos do Parque de Bombeiros para os ciclos de Emerxencias e Protección Civil.

En materia urbanística, o Concello abordou a compra por 27.391,42 euros do inmoble situado no número 2 da rúa Montero Ríos. A operación permitirá eliminar un tapón urbanístico na entrada do Camiño Primitivo ao casco histórico e completar a renovación do Carril das Flores.

Finalmente, foi designado o tribunal cualificador do proceso para cubrir tres prazas de celador ou celadora de centros educativos incluídas na Oferta de Emprego Público de 2023.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com