Os Microefectos Dramatúrxicos regresan ao Club Clavicémbalo con catro pezas novas

Os Microefectos Dramatúrxicos regresarán esta semana ao Club Clavicémbalo de Lugo cunha nova sesión de microteatro. As representacións terán lugar o xoves 3, o venres 4 e o sábado 5 de setembro, con dous pases cada día: un ás 20.30 e outro ás 22.30 horas.

A programación chega tres meses despois da anterior sesión do grupo e estará composta por catro obras novas. As pezas teñen unha duración aproximada de vinte minutos e abordan diferentes historias cunha linguaxe directa e contemporánea.

Nesta edición representarase O permiso, escrita e dirixida por María Grandío, coa participación de Elvira Velasco, Anxo Manoel, Brian Rodríguez, Raquel L. Cendán e a propia autora.

Brais García escribe e dirixe As ramistas, interpretada por María Grandío, Elvira Velasco e o propio García. Pola súa banda, Raquel L. Cendán asina a escrita e dirección de Cíborg, na que actúa xunto a Brais García e Elvira Velasco.

A cuarta proposta será Burramia artificial, escrita e dirixida por Brian Rodríguez. O elenco está formado por María Grandío, Anxo Manoel e o propio Rodríguez.

As entradas poden adquirirse anticipadamente a través da plataforma Woutick. Tamén estarán dispoñibles na billeteira do Club Clavicémbalo antes de cada pase.

Os Microefectos Dramatúrxicos cumpriron o pasado maio trece anos de actividade, centrada na representación de obras breves en espazos de proximidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com