A iniciativa, dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, comeza este sábado e inclúe catro obradoiros durante o mes de setembro
O Concello de Lugo, a través da área de Mercados e Industria, pon en marcha unha programación estable de actividades infantís no Mercado Municipal que se desenvolverá ao longo do curso, ata o mes de xullo.
A iniciativa busca ampliar a oferta de lecer para os nenos e nenas da cidade e, ao mesmo tempo, dinamizar o Mercado Municipal e achegalo ás familias, converténdoo nun espazo máis activo, aberto e participativo.
As actividades están destinadas a menores de entre 4 e 12 anos e celebraranse os sábados en dúas quendas: de 11:00 a 12:30 horas e de 12:30 a 14:00 horas. Cada quenda contará con 20 prazas. A participación será gratuíta e non requirirá inscrición previa, polo que as prazas se asignarán por orde de chegada.
A programación comezará este sábado, 5 de setembro, co obradoiro de creatividade «Xogando coas cores». Ao longo do mes desenvolveranse outras tres propostas: o día 12 terá lugar o obradoiro de cociña «Fajitas ao estilo César»; o día 19 celebrarase a actividade de reciclaxe «Personaxes creativas»; e o día 26 pecharase a programación mensual co obradoiro de creatividade «O noso propio chaveiro».
Estas actividades constitúen o inicio dun programa que continuará durante os vindeiros meses, dando continuidade ás propostas infantís no Mercado Municipal ao longo de todo o curso.
A concelleira de Mercados e Industria, Silvia Colmenero, salientou que «esta programación responde á vontade do Goberno municipal de ofrecer actividades pensadas para os máis pequenos durante todo o curso, facilitando ás familias novas alternativas de lecer e favorecendo que os nenos e nenas coñezan e se acheguen ao Mercado Municipal».
A iniciativa permitirá combinar o lecer infantil coa dinamización comercial, contribuíndo a incrementar a actividade neste espazo e a reforzar a súa condición de punto de encontro para a cidadanía.
Programación de setembro
- 5 de setembro: obradoiro de creatividade «Xogando coas cores».
- 12 de setembro: obradoiro de cociña «Fajitas ao estilo César».
- 19 de setembro: obradoiro de reciclaxe «Personaxes creativas».
- 26 de setembro: obradoiro de creatividade «O noso propio chaveiro».
Todas as actividades se desenvolverán no Mercado Municipal de Lugo, situado na rúa Quiroga Ballesteros, e serán gratuítas.





