A responsable da área de Cultura, Iria Castro, solicitou á Subdelegación do Goberno o reforzo da vixilancia na zona próxima ao Museo Provincial de Lugo por parte das forzas e corpos de seguridade do Estado.
Castro trasladou esta petición á subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, durante unha reunión celebrada este venres a iniciativa da institución provincial.
Segundo informou a Deputación, na xuntanza abordouse a seguridade do museo ante as recentes subtraccións de pezas rexistradas en centros museísticos de Badaxoz, Albacete e Villena, así como as advertencias de organismos como Europol sobre a evolución deste tipo de roubos.
A medida solicitada tería carácter complementario aos protocolos e aos recursos de seguridade propios do Museo Provincial, que dispón de persoal de vixilancia durante as 24 horas.





