O Concello instalará gaiolas trampa para controlar a presenza de xabarís no municipio

O Concello combina a captura de exemplares con arqueiros, o desbroce de terreos e a colaboración con entidades cinexéticas e veterinarias

O Concello de Lugo porá en marcha novas medidas para controlar a presenza de xabarís na contorna do municipio, despois de que a Xunta de Galicia autorizase a instalación de gaiolas trampa. Segundo informou o Goberno local, empregaranse estruturas de grandes dimensións deseñadas para capturar grupos enteiros de animais.

Esta actuación complementarase co programa de captura mediante arqueiros, iniciado hai varias semanas e que, segundo o executivo municipal, xa permitiu retirar varios exemplares. As intervencións realizaranse conforme aos protocolos establecidos pola Administración autonómica.

O dispositivo municipal abrangue tamén medidas preventivas, como a limpeza e o desbroce de parcelas que se atopaban en situación de abandono. O Concello publicou, ademais, un bando para lembrar ás persoas propietarias a obriga de manter os terreos en condicións adecuadas.

O Goberno local sinala que estes traballos pretenden reducir os espazos de refuxio para os animais, pero tamén contribuír á prevención de incendios, á salubridade e ao mantemento do contorno.

As actuacións están a ser coordinadas co Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, a Asociación Galega de Caza e a Asociación de Tecores de Galicia (Ategal), así como con outras administracións. De acordo coa información facilitada polo Concello, a Deputación de Lugo comunicou que iniciará labores de desbroce a próxima semana.

O executivo municipal sostén que o control da poboación de xabarís require combinar medidas de prevención, seguimento e captura, e indica que manterá a coordinación coas entidades implicadas para avaliar a evolución do problema.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com