A Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación do equipamento industrial da cociña do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Becerreá e formalizou un novo convenio co Concello de Guitiriz para financiar as obras necesarias para completar a residencia da Casa da Botica.
No caso de Becerreá, a contratación divídese en dous lotes. O primeiro, adxudicado por 441.705,21 euros, comprende o equipamento industrial da cociña e a adaptación das instalacións. O segundo, correspondente á subministración dun depósito de gas licuado do petróleo (GLP), foi adxudicado por 17.346,10 euros.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela López, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, asinaron un convenio de colaboración para financiar os traballos pendentes no Centro de Atención a Maiores da Casa da Botica. O acordo contempla unha achega provincial de 3.137.597,68 euros e outra municipal de 115.016,74 euros, polo que o investimento total ascende a 3.252.614,42 euros.
A futura residencia de Guitiriz contará con 46 prazas. Segundo informou o Grupo Provincial Popular, as obras foron encomendadas á empresa pública Tragsa. Os populares, porén, cuestionan os atrasos acumulados no proxecto e sinalan que aínda non se comunicou unha data de apertura do centro.
O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, considera que o novo convenio non resolve a falta de concreción sobre a posta en funcionamento da residencia guitiricense e lembra que “dende o Grupo Provincial Popular “levamos moitos meses denunciando a paralización e os incumprimentos que afectan a esta infraestrutura” O representante popular reclama unha planificación definida, a resolución dos trámites pendentes e un calendario que permita coñecer cando poderá entrar en servizo.
Foto. Residencia de Becerreá






