Lugopoética 2026 reúne nun libro a obra e as reflexións de doce autores galegos

A publicación recolle os contidos da terceira edición dos encontros poéticos celebrados na UNED de Lugo entre febreiro e xuño.

O salón de sesións da Casa do Concello de Lugo acolleu este luns a presentación de Lugopoética 2026, unha publicación que reúne a obra e as reflexións de doce poetas participantes nos encontros celebrados na sede lucense da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) durante o primeiro semestre do ano.

O libro recolle os contidos da terceira edición desta iniciativa, desenvolvida en seis sesións entre febreiro e xuño, nas que participaron dúas persoas autoras en cada encontro. A actividade estivo coordinada polo escritor e poeta Xosé Carlos Ulloa e ten como obxectivo dar visibilidade á creación poética lucense e contribuír á difusión da literatura en galego.

Os autores e autoras incluídos nesta edición son Diana Varela Puñal, Chelo Gayoso Díaz, Alicia Fernández Díaz, Elena Pérez López, Xacobe Sánchez Quintela, Xosé Antón Cascudo, Xosé Lois García, Ramón Rodríguez Porto, Eduardo Carreira López, Ánxela Gracián, Ana Mar Fraga Rábade e Mari Luz Balsa Rábade. Proceden de diferentes localidades, entre elas Chantada, Castroverde, Sarria, Lugo, Paradela, Guitiriz, Cospeito e Corme.

Apoio institucional á creación literaria

Na presentación participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; o director dos encontros, Xosé Carlos Ulloa; o presidente de Egeria, Xulio Xiz, e a directora do centro asociado da UNED en Lugo, Ana Traseira, ademais de varios dos poetas incluídos na publicación.

Durante o acto, Candia reafirmou o apoio municipal á iniciativa e destacou a importancia de promover espazos que permitan dar a coñecer o traballo das persoas creadoras e achegar a poesía á cidadanía.

Pola súa banda, Villares incidiu na colaboración institucional para impulsar a produción literaria en galego e poñer en valor o talento dos autores e autoras. A publicación está editada pola Secretaría Xeral da Lingua.

A presentación contou tamén cun acompañamento musical á frauta traveseira a cargo de Angélica Darriba Fernández, de 13 anos, integrante das Escolas Músico Crisanto e da Banda Sons e Soños, que xa participara musicalmente nalgúns dos encontros poéticos.

Lugopoética 2026 conta co patrocinio do Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e a UNED. A organización corresponde a Egeria e Brandán Comunicación, entidades que colaboran no desenvolvemento dunha proposta centrada na difusión da poesía e da creación literaria galega

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com