O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cuestionou a decisión do goberno municipal do PP de eliminar partidas orzamentarias destinadas a mellorar varias interseccións da cidade, entre elas o cruce das rúas Santo Graal e Angelo Colocci e actuacións na avenida de Magoi.
Segundo a información difundida pola formación nacionalista, as comisións municipais deste xoves confirmaron a retirada das partidas que o anterior goberno local reservara para estas actuacións, incluída a eliminación de semáforos en Magoi e a mellora de varios cruces mediante a construción de rotondas.
As actuacións previstas abranguían tamén cruces da avenida de Breogán coa rúa Orquídea e da rúa Alfonso X O Sabio coa estrada da Granxa, así como varias interseccións da avenida de Magoi, nas conexións coas rúas da Granxa, Campos Novos, do Valiño, Bispo Ona de Echave e Madanela.
Arroxo considera que a retirada das partidas atrasa medidas que, segundo o BNG, permitirían mellorar a fluidez do tráfico e a seguridade viaria, tanto para os vehículos como para os peóns e reclamou explicacións.





