A actuación de emerxencia chega despois do desprendemento parcial dunha cornixa a pasada semana e mantense o corte preventivo da zona.
O Concello de Lugo está a executar traballos de emerxencia nun edificio situado na rúa Catedral, na contorna da Praciña da Universidade, para retirar elementos que presentan risco de desprendemento sobre a vía pública.
A intervención céntrase na retirada de lousas da vertente da cuberta orientada cara á rúa, así como de carpintarías e outros elementos da edificación que poderían caer á vía pública e poñer en perigo as persoas que transitan pola zona.
Os traballos comezaron despois de que a pasada semana se desprendese parte dunha cornixa do inmoble. Tras coñecerse o incidente, o Concello procedeu a valar a zona e cortar a rúa como medida preventiva, co obxectivo de evitar posibles accidentes mentres se avaliaba a situación.
Durante este período, está habilitado un itinerario alternativo para a veciñanza pola rúa Bo Xesús.
A actuación municipal busca reducir os riscos asociados ao estado do edificio e garantir a seguridade na contorna. A retirada dos elementos susceptibles de desprenderse constitúe a principal medida de prevención mentres se desenvolven os traballos.





