A Praza de Abastos e o Mercado Municipal de Lugo desenvolverán unha campaña de promoción durante os días 5, 6, 7, 9 e 10 de novembro, en horario de mañá, que buscará incentivar as compras nos seus postos mediante a entrega dun cucurucho de castañas asadas, produto de tempada.
A iniciativa, impulsada polo Concello de Lugo coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, foi presentada pola alcaldesa Elena Candia, o delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares e as concelleiras de Industria e Mercados, Silvia Colmenero, e de Participación, Mar Carballas. O obxectivo é fomentar o consumo de produtos de proximidade e situar a Praza de Abastos como un referente da vida comercial local, destacando a calidade da súa oferta e a profesionalidade dos praceiros.
Durante a campaña, as persoas que realicen unha compra e presenten o tícket correspondente poderán recibir gratuitamente un cucurucho de castañas asadas no posto instalado entre os dous edificios da Praza e o Mercado.
A acción pretende reforzar a promoción dos mercados municipais, valorando a actividade dos profesionais e a importancia do comercio local e de proximidade, así como lembrar a relevancia do tícket de compra como xustificante e garantía para os consumidores






