A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou varios acordos en materia urbanística, infraestruturas, participación cidadá e persoal municipal.
No ámbito urbanístico, concedeu licenza para construír un edificio de 16 vivendas na contorna da praza do Agro do Rolo. O proxecto inclúe 16 prazas de garaxe, 16 rochos e un local comercial, cun prazo de execución de 36 meses.
A sesión tamén aprobou o pagamento de 5.854,81 euros polas expropiacións necesarias para executar o Plan Parcial do sector SUD S-16.R, que contempla 9.774 metros cadrados de espazos libres.
Outro dos acordos foi a adxudicación das obras de mellora do pavimento do leiraparking do HULA. A intervención busca reducir as necesidades de mantemento do firme.
Ademais, o Concello encargará a EVISLUSA a redacción do proxecto para rehabilitar o local municipal da praza do Castiñeiro, cun custo de 11.270 euros e un prazo dun mes para a súa elaboración. A intención é recuperar o espazo como centro de convivencia e para actividades municipais, tras detectar problemas de humidades e deterioración dos equipos informáticos.
En materia de participación, avanzouse na constitución do Consello Sectorial de Persoas Maiores coa designación dos seus vogais. Tamén se aprobou a adhesión á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, que deberá ser ratificada polo Pleno e non implica novos compromisos de gasto.
No apartado de persoal, aprobouse a inclusión na plantilla municipal de 16 prazas de músico ou música instrumentista-docente para a Escola de Música e a Banda Municipal. O acordo deberá pasar polo Pleno e permitirá iniciar os procedementos para cubrir os postos mediante concurso-oposición. Por último, aprobouse a adscrición provisional dun posto de traballo por un ano, prorrogable.






