O proxecto contempla a execución dunha vintena de novos tramos nos municipios da Fonsagrada, Baleira, Lugo, Guntín, Palas de Rei, Toques e Melide.
A Xunta de Galicia publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado e construción dos treitos comúns do Camiño Primitivo. A iniciativa inclúe a execución dunha vintena de novos tramos en sete municipios: A Fonsagrada, Baleira, Lugo, Guntín, Palas de Rei, Toques e Melide.
O acordo, aprobado polo Consello da Xunta o pasado 5 de outubro, establece o trazado das actuacións previstas. Tras a súa publicación, os concellos afectados dispoñen dun prazo dun ano para adaptar o seu planeamento urbanístico ás determinacións do proxecto.
A aprobación definitiva implica tamén a declaración de utilidade pública das actuacións e a necesidade de ocupación dos terreos e adquisición dos dereitos e materiais necesarios para executar as obras.
Estas intervencións enmárcanse no plan autonómico de mellora da seguridade viaria dos principais itinerarios xacobeos, que ten como horizonte o Ano Santo 2027. O programa conta cun investimento previsto de ata 40 millóns de euros e abrangue actuacións en máis de 150 quilómetros das sete rutas principais do Camiño de Santiago.
Ademais do Camiño Primitivo, o DOG xa recolleu os trazados dos treitos comúns dos Camiños do Norte e de Fisterra-Muxía.






