O Concello inicia a recuperación do Cuartel de San Fernando e volverá solicitar fondos do 2 % Cultural

O proxecto municipal prevé unha primeira intervención na cuberta, fachadas e espazos interiores, así como a creación dunha praza pública axardinada. A actuación conta coa colaboración económica da Xunta, mentres o Concello prepara unha nova candidatura á convocatoria estatal para desenvolver o Museo da Romanización.

O Concello de Lugo iniciará a recuperación do antigo Cuartel de San Fernando cunha primeira fase de obras destinada a mellorar o estado de conservación do edificio e recuperar espazos para uso público. A intervención, que contará coa colaboración da Xunta de Galicia, desenvolverase á marxe da resolución da convocatoria estatal do 2 % Cultural, á que o Goberno local volverá presentar o proxecto despois de quedar excluído na proposta provisional coñecida esta semana.

A alcaldesa, Elena Candia, explicou que os traballos serán compatibles cunha futura intervención de maior alcance e confirmou que o Concello volverá optar á liña de financiamento estatal. Ademais, o Goberno local solicitou información ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana para coñecer a puntuación obtida pola proposta presentada.

O proxecto integral contempla un investimento de 15,2 millóns de euros para rehabilitar os 4.240 metros cadrados do antigo cuartel e convertelo nun equipamento cultural dedicado á conservación, investigación e divulgación do patrimonio romano e castrexo de Lugo.

Para esta primeira fase, a Xunta ten consignados 500.000 euros. As actuacións centraranse inicialmente na envolvente do inmoble, coa renovación dos 2.910 metros cadrados de cuberta de lousa, cun orzamento de 1,04 millóns de euros, así como no revestimento das fachadas, a renovación de carpinterías, vidrarías e reixas das ventás, cun investimento previsto de 710.000 euros.

O programa de obras inclúe tamén a recuperación de espazos na zona baixa do edificio. Está prevista a habilitación dun auditorio de 122,8 metros cadrados, con capacidade para 90 persoas, e dunha sala polivalente destinada a acoller diferentes actividades.

Outra das intervencións previstas afecta á parte traseira do cuartel, na rúa Quiroga Ballesteros, entre Amor Meilán e San Froilán. Neste ámbito acondicionarase unha praza pública axardinada, unha actuación que, segundo o Concello, responde a unha demanda da veciñanza. Tamén se abrirá un novo acceso ao auditorio e á sala polivalente. Este conxunto de traballos conta cun orzamento de 2,54 millóns de euros.

As obras incluirán, ademais, intervencións arqueolóxicas nunha superficie de 139,62 metros cadrados do patio e o correspondente control arqueolóxico dos terreos da parte posterior do edificio.

A recuperación do cuartel desenvolverase, polo tanto, en distintas fases. Mentres se acometen estas primeiras actuacións de conservación e acondicionamento, o Concello continuará buscando financiamento para levar adiante o proxecto completo do Museo da Romanización, cuxa candidatura non figura na proposta provisional de resolución da convocatoria estatal do 2 % Cultural.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com