Compañeira morte

Acudo ao cemiterio de San Froilán a visitar as sepulturas familiares, para logo levar unha rosa á de Marcial González Vigo, sabendo que Chema Núñez Losada e familia se me adiantan sempre. É lembranza de morte a que nos cemiterios se vive, matizada pola crenza no mundo mellor que nos agarda, con dores de ausencias que nestas datas se agudizan.

Está moi ben a música interpretada por tres membros da Banda municipal para axudarnos a entrar nun mundo diferente; a cultura que rezuma a mostra sobre a monumentalidade do cemiterio; a dor que desprende “Arrolos no ar”, no fondo do cemiterio, exposición dedicada aos nenos que non chegaron a vivir e deixa magoa na memoria e na alma… e sorprende a vitalidade do primeiro altar de mortos montado nun cemiterio español e o primeiro prehispánico montado en Galicia por iniciativa da artista Soila Jankowska e o historiador lucense Daniel Manuel Vázquez Vila.

Para nós, a morte é a responsable da nosa partida deste mundo, mentras para os habitantes da terra onde chora o deus da choiva é a compañeira que os acompaña na viaxe ao máis aló.

Os máis vellos mexicanos, mesturando crenzas ancestrais coas dos conquistadores, lembran leda e garimosamente aos que se van, coas cousas que usaron, produtos da terra, simbólicas vestimentas e caveiras que sorrín… e este altar recorda con arte e con memoria, á xente que se foi, que se ao lembralos producen ledicia, tamén garanten a súa pervivencia mentras a lembranza viva.

Esta instalación artística mexicana pode verse xa no Vello Cárcere, para mellor difundir unha cultura na que temos influído e da que sempre será grato aprender sorrindo cun aquel de complicidade.

Nota:

“O Altar das Lembranzas: Camiño ao Mictlán”, está adicada á conservación da arte, literatura e cultura galega e mexicana, ás línguas indíxenas e aos 32 Estados de México, e a Galicia coma unha ponte cultural que une os patrimonios UNESCO da cidade de Lugo co patrimonio mexicano por excelencia do altar de mortos para remarcar a lembranza dos que se foron.

 

Xulio Xiz

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com