O Concello licita a renovación do espazo público de Paradai para gañar zonas verdes, áreas de xogo e deporte e maior confort térmico

A actuación, cun investimento próximo aos 498.000 euros, permitirá incrementar a vexetación, crear novas zonas de sombra, renovar o parque infantil e incorporar unha pista multideporte.

O espazo público de Paradai, situado entre a avenida Infanta Elena e a rúa Alexandre Bóveda e coñecido por acoller as festas do barrio, será obxecto dunha renovación integral para gañar zonas verdes, novos espazos de xogo e deporte e áreas de sombra e descanso. O Concello vén de licitar esta actuación, cuxa apertura de ofertas está prevista para o próximo 3 de decembro, co obxectivo de facer deste lugar un punto de encontro máis agradable, accesible e pensado para o desfrute da veciñanza.
A actuación forma parte da estratexia municipal para mellorar os espazos públicos dos barrios da zona norte, facendo que sexan máis verdes, cómodos, accesibles e adaptados ás necesidades das persoas. Trátase de recuperar estes lugares para a convivencia, incorporando natureza e novas posibilidades de lecer para distintas idades.
O proxecto contempla unha renovación integral dunha superficie aproximada de 3.000 metros cadrados. Un dos cambios máis visibles será a creación dunha nova zona infantil, máis ampla, de 228 metros cadrados, con xogos para diferentes idades e unha cuberta que proporcionará sombra nos días de máis calor. Tamén se instalará unha tirolina e unha pista multideporte na que se poderán practicar distintas actividades, como fútbol, baloncesto, tenis ou voleibol.
A idea é que Paradai sexa un espazo para todos: para que os nenos e nenas xoguen, para que a mocidade teña un lugar onde practicar deporte e para que as familias e as persoas maiores conten cunha zona agradable na que pasear, descansar e compartir tempo.
A renaturalización terá un papel importante nesta transformación. Incorporaranse novas árbores e zonas axardinadas con céspede natural, que se sumarán á vexetación existente, que se conservará. Tamén se instalarán novos bancos e papeleiras e manterase a fonte de auga potable. O obxectivo é gañar espazos verdes e sombra, facendo que a praza resulte máis agradable, especialmente nos días de calor.
Tamén se renovarán os pavimentos con materiais de cores claras, que absorben menos calor, e se mellorará a accesibilidade eliminando barreiras nos percorridos. O proxecto inclúe ademais un sistema de drenaxe que permitirá recoller e reter temporalmente a auga da chuvia, así como novas instalacións de rega e iluminación na pista deportiva.

 

A obra conta cun orzamento base de licitación de 497.949,69 euros, IVE incluído, e un prazo de execución desde a adxudicación de  6 meses e está integrada no Plan de Actuación Integrado Lugo Novo Norte. Está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea a través dos fondos FEDER e nun 40 % con achega municipal. O prazo máximo de execución previsto é de seis meses.

 

Esta actuación súmase ao traballo que o Concello está impulsando para mellorar os barrios do norte, recuperando e renaturalizando espazos públicos para facer que Lugo avance cun modelo de cidade máis verde, amable, accesible e pensado para a vida diaria da súa veciñanza

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com