Galeguía reúne desde este venres mulleres de Galicia, Portugal, Brasil e Cabo Verde arredor do canto colectivo

Lugo acollerán desde este venres 13 ata o domingo 15 de novembro o I Encontro Artístico de Canto de Mulleres Galeguía, unha iniciativa que propón o canto comunitario como ferramenta de intercambio cultural, creación colectiva e cohesión social. O encontro conta xa con preto de 60 persoas inscritas.

Baixo o lema «Cantar ben ou cantar mal non importa. Importa cantar xuntas», o programa reúne mulleres de Galicia, Portugal, Brasil e Cabo Verde arredor de diferentes tradicións musicais, con palestras, obradoiros de canto, ensaios colectivos e actuacións.

A programación comezará o venres no Pazo de San Marcos con sesións dedicadas á música tradicional como expresión colectiva, ao adufe portugués e ao batuko de Cabo Verde, unha forma de canto comunitario das mulleres da illa de Santiago. A xornada incluirá tamén obradoiros de canto colectivo, canción popular lusófona e instrumentos tradicionais como o adufe e a pandeireta.

O sábado, unha das actividades centrais será a palestra sobre o Movimento Primavera de Coros de Portugal, que abordará a orixe e a evolución desta iniciativa. O movemento xurdiu tras a pandemia coa creación de pequenos coros como espazos de encontro colectivo e organizouse a nivel nacional en 2025. Segundo se expuxo na presentación do encontro, está a adquirir relevancia nas mobilizacións sociais portuguesas e a impulsar unha fórmula de participación que busca estenderse.

A segunda xornada completarase cunha actividade sobre os beneficios do canto en comunidade para a saúde, un obradoiro de batuko e novos ensaios de canción popular lusófona. Ás 19.00 horas, o Auditorio da Facultade de Veterinaria acollerá un concerto que reunirá diferentes voces e propostas musicais vinculadas ao encontro.

A programación concluirá o domingo na Casa do Saber cunha conversa aberta ás persoas interesadas en participar na creación dun grupo de canto colectivo.

Galeguía nace como unha proposta de intercambio artístico e cultural que busca fortalecer os vínculos entre comunidades de mulleres a través da música, reivindicando o valor de cantar xuntas como unha experiencia de participación, convivencia e construción colectiva.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com