Lugo acollerá o XXXIX Congreso de ENCIGA con máis de 160 docentes e 39 actividades científicas

O IES Lucus Augusti será a sede, do 12 ao 14 de novembro, dun encontro que reunirá profesorado de toda Galicia e contará con catro conferencias plenarias de destacados especialistas en ciencia e divulgación.

Lugo converterase os vindeiros 12, 13 e 14 de novembro nun punto de encontro para o profesorado de ciencias coa celebración do XXXIX Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA), que terá lugar no IES Lucus Augusti. O evento reunirá máis de 160 docentes procedentes de diferentes localidades galegas nunha cita que se celebra de maneira ininterrompida desde hai case catro décadas.

O programa do congreso incluirá un total de 39 ponencias e obradoiros relacionados con disciplinas como Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, así como propostas de carácter interdisciplinar. A través destas actividades, o profesorado participante poderá coñecer novas metodoloxías didácticas e proxectos de investigación desenvolvidos tanto por persoal investigador como por docentes de distintos niveis educativos.

Un dos principais atractivos da cita serán as catro conferencias plenarias, impartidas por destacados referentes do ámbito científico e da divulgación. Entre eles figura Marcos González, catedrático de Zooloxía e profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Héctor Salvador Fouz, enxeñeiro aeronáutico e primeiro español en descender á Fosa das Marianas, que ademais foi alumno do propio IES Lucus Augusti; Clara Grima Ruiz, profesora da Universidade de Sevilla e recoñecida divulgadora matemática, coñecida tamén pola súa participación no programa televisivo Órbita Laika; e Luis Liz Marzán, catedrático a tempo parcial da Universidade de Vigo e profesor Ikerbasque no Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais (CIC biomaGUNE).

O congreso tamén permitirá ás persoas asistentes achegarse ao patrimonio histórico e cultural de Lugo, cunha visita á Domus do Mitreo e ao Museo Provincial. A programación complétase con visitas a centros de referencia no ámbito da investigación e da innovación, como a Aula de Produtos Lácteos da Universidade e a empresa biotecnolóxica AMSLab.

Con esta nova edición, ENCIGA reafirma o seu compromiso coa formación continua do profesorado, a innovación educativa e a divulgación científica, consolidando o seu congreso anual como un espazo de intercambio de experiencias e coñecemento entre profesionais do ensino das ciencias en Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com