O novo auditorio de Lugo acollerá o vindeiro 14 de novembro o IV Congreso Galego de Persoas con Cancro e Familiares, organizado pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Lugo. A cita reunirá arredor de 400 persoas de toda Galicia e contará coa participación de máis dunha vintena de expertos e representantes dos pacientes para abordar diferentes aspectos da enfermidade e dos seus tratamentos.
Na presentación do encontro participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, e o presidente da AA.CC José Manuel Rozas, entre outras persoas, Na presentación destacaron a importancia da iniciativa e o labor da entidade organizadora na atención ás persoas afectadas polo cancro e ás súas familias.
O programa inclúe intervencións do doutor José Carlos Hernández Fernández, do campión do mundo de paracanoe Nicolás Martínez Adega e da doutora Marisol Soengas, referente na investigación oncolóxica e participante en ensaios clínicos como paciente. As sesións abordarán cuestións como os novos tratamentos e a investigación, o impacto do cancro no ámbito laboral, a experiencia dos pacientes e os efectos secundarios.
A xornada completarase con catro talleres simultáneos centrados no exercicio físico, a sexualidade e o cancro, o acompañamento ás persoas coidadoras e a nutrición, nos que se prevé a participación activa de pacientes e familiares.
O Concello de Lugo colabora co evento mediante a cesión gratuíta das instalacións do auditorio e a habilitación dun servizo de transporte urbano sen custo para as persoas residentes na cidade. O autobús partirá da Medusa ás 9.00 horas e realizará tamén o traxecto de volta ao remate do congreso.
Pola súa banda, Alfonso Villares destacou o compromiso da AECC coa atención integral aos pacientes e ao seu entorno, e referiuse ao traballo conxunto das institucións para avanzar nun modelo de coidados personalizado, reforzar a prevención e apoiar a investigación oncolóxica.
A inscrición no congreso é gratuíta e pode realizarse a través da web oficial da organización: https://congresos.contraelcancer.es/galicia/






