A Policía Local de Lugo detivo o sábado pola tarde un home que ameazaba os clientes dun establecemento da avenida de Madrid cunha arma branca. Tras recibir o aviso, varios indicativos da Policía de Barrio desprazáronse ao lugar, onde observaron como o individuo lle lanzaba unha navalla a un empregado para que a gardase. Dado o seu elevado estado de alteración, as ameazas e a intimidación aos presentes, os axentes sacárono do local e inmobilizárono inicialmente. A detención produciuse posteriormente, tras coñecerse os testemuños dos clientes, entre eles o dunha persoa que relatou que o home a insultara e ameazara sen motivo previo, chegando a abrir a navalla e ameazar con matala. Varios clientes fuxiran do establecemento ante a situación. O detido foi trasladado a dependencias policiais coa navalla intervida, así como un bastón tipo cachava, para a tramitación das dilixencias.
Durante a fin de semana, o Grupo Operativo Nocturno tamén atendeu varias incidencias por molestias de ruído. O venres interveu en tres vivendas das rúas Amistad, Doctor Balanza e Guardias, onde a música e as festas cesaron coa presenza policial. O domingo, os axentes acudiron a un domicilio da avenida Adolfo Suárez por queixas reiteradas dos ladridos de cans que estaban sós na vivenda. Tras localizar a propietaria, foi denunciada por incumprir a Ordenanza municipal de Protección e Tenencia de Animais de Compañía.
Ademais, un individuo foi localizado e denunciado por causar danos no poste do desfibrilador (DESA) da praza de Augas Férreas, que quedou descuberto e sen protección. Tras ser localizado nas inmediacións e trasladado a dependencias policiais, foi denunciado por infraccións á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, ao negarse a identificarse e faltar ao respecto aos axentes.






