O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa a desenvolver na provincia de Lugo o seu programa de alfabetización mediática, unha iniciativa destinada a ofrecer á cidadanía ferramentas para identificar as noticias falsas e distinguir a información xornalística de calidade.
A programación desta semana inclúe dúas actividades abertas e gratuítas. A primeira terá lugar este xoves 12 de novembro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Sarria, situada na rúa Marqués de Ugena. O obradoiro será impartido polo xornalista Miguel Rodríguez Fernández, con experiencia en medios como La Opinión A Coruña e na axencia británica Press Association. Na actualidade é editor de Datos en ICIS e colabora con distintas publicacións.
A segunda convocatoria será o sábado 14 de novembro, ás 12.00 horas, na aula CeMIT de Chantada, na rúa da Ribeira Sacra. Neste caso, a encargada da formación será Elena Martín Lores, xornalista, realizadora audiovisual e tradutora, integrante da cooperativa de comunicación social Xarda e colaboradora de medios como O Salto Galiza, GCiencia e Pikara Magazine.
Ambos os dous encontros buscan proporcionar recursos prácticos para recoñecer contidos falsos, contrastar información e evitar a difusión involuntaria de bulos. Os dous profesionais recibiron formación específica en alfabetización mediática para desenvolver estes obradoiros.
A iniciativa parte da preocupación polo impacto da desinformación na sociedade, tanto na credibilidade dos medios de comunicación como na calidade democrática. O Colexio Profesional de Xornalistas pretende así estender á poboación adulta unha liña de traballo que xa desenvolve desde hai anos no ámbito educativo.
O programa abrangue un total de 19 concellos lucenses, entre eles Sarria e Chantada, e conta coa participación de profesionais colexiados especializados nesta materia. A asistencia aos dous obradoiros é libre e gratuíta e non require inscrición previa






