Lugo estrea a nova estación de tren

A nova estación ferroviaria de Lugo comezou a funcionar este martes, 24 de novembro. Desde primeira hora da mañá, os usuarios acceden ás instalacións a través deste novo inmoble, que forma parte dunha actuación destinada a renovar os servizos ferroviarios e mellorar a conexión da estación coa contorna urbana.

O proxecto, executado por Adif mantendo a circulación ferroviaria durante as obras, inclúe un edificio de viaxeiros de dúas plantas, a adecuación das vías e das plataformas e a construción dun paso inferior que permite acceder á plataforma central. Esta infraestrutura ten tamén unha función urbana, xa que posibilita a comunicación peonil entre o centro da cidade e o barrio do Sagrado Corazón.

Entre as actuacións realizadas figura igualmente unha pasarela peonil que conecta a estación ferroviaria co aparcadoiro e coa terminal de autobuses. A intervención complétase coa urbanización dos espazos exteriores, a renovación dos accesos e viarios e a integración do conxunto nunha praza intermodal que permitirá conectar os servizos de tren e autobús.

O novo edificio combina unha estrutura de formigón armado e elementos metálicos, cun revestimento exterior de pedra natural. Na zona das vías e das plataformas incorporáronse novos pavimentos, canalizacións, accesos e marquesiñas, así como sistemas de información para os viaxeiros.

A actuación abrangue tamén a urbanización dos dous lados da estación, tanto na zona de conexión co centro urbano como na correspondente ao barrio do Sagrado Corazón.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com