Lugo acenderá o Nadal o 4 de decembro cunha iluminación de máis de 1,3 millóns de luces LED

A programación incluirá un mercado na Praza Maior, carruseis gratuítos, obradoiros, concertos e actividades infantís e familiares en distintos puntos da cidade.

Lugo dará a benvida ao Nadal o vindeiro 4 de decembro cunha nova iluminación que chegará a rúas, prazas e barrios da cidade. O alumeado estará formado por 1.313.757 microLED, 241 arcos luminosos e unha superficie decorada de máis de 15.247 metros cadrados, con instalacións tridimensionais, árbores e estruturas de luz transitables.

A programación incluirá propostas comerciais, culturais e de lecer para diferentes públicos. A Praza Maior acollerá, do 4 de decembro ao 5 de xaneiro, un Mercado de Nadal con casetas de madeira e postos de alimentación. A esta iniciativa sumaranse a II Feira de Emprendemento Infantil para o Comercio, o 12 de decembro na Praza de Abastos, e unha nova edición de Diversiarte, os días 15, 16 e 17.

Entre as propostas de lecer familiar figuran dous carruseis, situados nas prazas do Ferrol e da Milagrosa, que poderán utilizarse gratuitamente mediante bonos distribuídos a través de establecementos comerciais e hostaleiros e das visitas guiadas. Estas últimas incluirán catro percorridos polo norte da cidade, centrados na arte nas rúas e nos patrimonios milenario, natural e contemporáneo.

Augas Férreas e Fontiñas terán actividades específicas, coa visita do Carteiro Real, actuacións corais e propostas de animación. En Augas Férreas instalarase tamén un tren recreativo infantil.

A programación contempla preto de 60 obradoiros en distintos espazos municipais, entre eles a Praza Maior, o Mercado Municipal, a Fábrica da Luz, o Coliving Artístico, o Vello Cárcere e as salas museísticas. Haberá actividades infantís, propostas de cociña, reciclaxe e creatividade, así como talleres de elaboración artesanal, decoración e creación téxtil.

A oferta musical combinará estilos como o jazz, o gospel, a música clásica, o pop e a música tradicional. Entre os nomes anunciados figuran Martha Argerich, Al Di Meola, María do Ceo, Ismael Serrano, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, ademais de diferentes formacións galegas e agrupacións locais. A Banda Municipal tamén ofrecerá actuacións en dez residencias e centros de atención a persoas maiores entre o 16 e o 23 de decembro.

No ámbito infantil, unha das novidades será unha carpa interxeracional na Praza da Horta do Seminario, con programación gratuíta diaria que incluirá cine, contacontos, corais e espectáculos familiares, entre eles o de Mamá Cabra. Tamén están previstas actuacións de teatro, maxia e musicais, como os de Luli Pampín, Disney, Mickey e Tadeo Jones.

A mocidade contará con sesións de escape room na Casa da Xuventude en varias datas entre finais de decembro e comezos de xaneiro. O calendario deportivo incluirá o Torneo Nadal Xaquedrum, o 13 de decembro, e a Carreira de San Silvestre, o día 31 ás 17.00 horas. Papá Noel e os Reis Magos tamén percorrerán as parroquias do municipio para recoller as cartas dos máis pequenos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com