A Alcaldesa anuncia a suspensión da ORA ata que o Concello adxudique o novo contrato

A Alcaldesa, Lara Méndez, anunciou este xoves a suspensión do servizo da ORA ata que o Concello adxudique o novo contrato. A supresión temporal foi notificada oficialmente hoxe á empresa, e o acordo levarase á Xunta de Goberno, previsiblemente á sesión ordinaria do vindeiro mércores, momento no que a medida comezará a aplicarse.

A rexedora lembrou que a Xunta de Goberno do pasado 28 de xaneiro aprobou renunciar ao contrato do servizo de xestión de aparcamentos na vía pública, a ORA, “unha determinación que foi avalada polo Xulgado do Contencioso Administrativo de Lugo nunha sentencia ditada en abril”.

“Nada máis chegar ao Goberno, esta foi unha das primeiras cuestións que abordei coa intención de retomar canto antes o proceso”, subliñou Méndez, quen confirmou que un equipo formado por técnicos municipais traballa xa na elaboración dunha nova Ordenanza Reguladora dos Aparcamentos, “que recolla a realidade actual da cidade e para a que trataremos de chegar, como en todo, ao máximo consenso co tecido asociativo e empresarial, e co resto dos grupos políticos”. A Alcaldesa sinalou neste senso que, unha vez pasado o verán, “manteremos reunións cos distintos colectivos veciñais, comerciais, hosteleiros… para coñecer as súas propostas”.

Lara Méndez avanzou tamén que, en base a dita ordenanza, redactarase un novo prego de condicións técnicas para adxudicar a ORA, “o que nos permitirá mellorar as condicións do contrato e modernizar o sistema de regulación do aparcamento, en beneficio dos usuarios e dos intereses públicos do Concello, e atendendo ao Lugo actual, tanto a nivel de ordenación urbana, como comercial. As cidades van cambiando e está claro que o Lugo de hai 20 anos, os seus servizos, as súas necesidades… pouco teñen que ver coas de hoxe”.

Segundo as estimacións municipais, a nova Ordenanza Reguladora dos Aparcamentos estará aprobada a finais de ano e a nova adxudicación da ORA se resolverá no primeiro trimestre do 2016. Polo tanto, a suspensión do servizo será duns 8 meses.

Tras estudar cos técnicos a situación en profundidade e ver todas os escenarios factibles, “consideramos que esta é a decisión máis idónea e máis racional das posibles, tanto para acatar a sentencia que anula o concurso do 2009, como para os intereses dos cidadáns e do Concello”, asegurou Lara Méndez, engadindo que esta medida política está avalada tecnicamente por tres informes favorables: un xurídico, outro de Enxeñería e o terceiro de Tráfico.

A Alcaldesa recoñeceu que a regulación dos aparcamentos “é unha cuestión sobre a que a cidadanía e o tecido socioeconómico están moi sensibilizados”, polo que, recalcou, “contaremos coa participación de todos e estudaremos medidas que atendan ás distintas necesidades destes colectivos”.

Subliñou tamén que se trata dunha suspensión da ORA transitoria. “Non pensamos nunha supresión definitiva. Entendemos que a regulación dos aparcamentos ensuperficie é unha medida de aplicación xeneralizada en España e Europa, necesaria para facer máis humanas as cidades, para favorecer a mobilidade e para regular o tráfico”, explicou.

Pola súa banda, o concelleiro popular Antonio Ameijide, celebrou a decisión tomada polo goberno municipal, aínda que sinalou que a suspensión do servizo da ORA fora proposta “en reiteradas ocasións, tanto en pleno como ao longo da campaña electoral polo Partido Popular”.

Asemade, Antonio Ameijide preguntou ao goberno “que cambiou” para que en febreiro de 2014 os edís socialistas votasen en contra da iniciativa do GMPP para proceder á suspensión da ORA”, e sinalou que “despois de máis de cinco millóns de euros recadados pola empresa que está no centro da Pokemon co contrato anulado pola xustiza, o único que cabe é reflexionar por que non se adoptou antes a decisión”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com