A Asociación Si, hai saída celebra o seu 10º aniversario e agradece os apoios recibidos

 

Coa chegada da primavera do ano 2014 nacía Si, hai saída, un proxecto longamente desexado, demorado por circunstancias da vida, e, polo que, xusto é recoñecelo, moi poucos apostaban.

Non é doado atopar quen se involucre nunha aventura tan dura e incerta como é a loita contra a violencia de xénero, e menos aínda que o faga por puro altruísmo, sen ningún tipo de retribución, agás a satisfacción de poder axudar a moitas vítimas da violencia machista e aos seus fillos e fillas, pero cando as cousas se fan de corazón, porque realmente se cre firme e sinceramente no que se está a tentar levar a cabo, a fe move montañas, e nos disto tiñamos, e seguimos a ter, en abundancia.

É imposible resumir nunhas liñas todo o acontecido nestes 10 anos, nos que de todo tivemos.

Moitas alegrías, tamén moitas penas, moita dor, risas, bágoas, éxitos, fracasos, acertos, erros….pero hai algo que nunca nos faltou, ilusión por seguir loitando, por mais que se nos tentou arrebatar.

Non hai, desgraciadamente, motivo ningún de celebración, porque a violencia de xénero non soamente non minguou desde os nosos comezos, se non que medra e medra sen parar, mais non queríamos deixar pasar esta data tan especial sen manifestar o noso inmenso agradecemento a todos aqueles que nos apoiastes nestes anos e que, malia todo, seguides a facelo.

E, cando dicimos malia todo, facémolo porque somos conscientes de que, nestes anos, non faltaron aos que tentaron sacarnos da circulación, e o seguen a facer.De feito, moitos deles chegaron a crer, nos últimos tempos, que, por fin, Si, hai saída era xa historia. Nada mais lonxe da realidade.Seguimos a traballar, e moito, ademais, pero fieis a nosa liña de sempre. Non precisamos fotos, nin publicar cada día o noso traballo, nin vendernos.Si, hai saída non naceu con ese fin, como tampouco o fixo para acadar rendementos económicos, profesionais ou sociais, algo que, curiosamente, molesta a moitos.Tampouco aspiramos a acadar o “carné” de “activistas” ou “feministas” que hai quen se cre no dereito de outorgar ou negar.O único xeito de demostrar o movemento é andando, non poñendo etiquetas, e así o levamos a practica. Continuamos aquí, como cada día desde hai 10 anos, e aquí seguiremos.

Sería imposible nomear a todos cantos nos brindaron e seguen brindándonos o seu apoio, e non queremos deixar a ninguén no tinteiro, porque non sería xusto, pero, tentando xeneralizar un pouco, queremos manifestar o noso agradecemento a todo o eido xudicial, non soamente polo seu apoio, se non polo inmenso respecto e confianza que sempre amosaron polo noso traballo, algo que se mantén e que é, como non podería ser menos, unha inmensa honra para nos.

E neste eido, queremos ter unha lembranza moi especial, para Sergio Orduña, o Xuíz titular de Violencia de Xénero ata hai pouco, non soamente pola súa colaboración, se non, e principalmente, por esa mestura que moitos cren imposible, de xustiza e humanidade, e que él demostrou sobradamente que son perfectamente compatibles.

Grazas tamén aos medios de comunicación que nos dan voz, e nos cales xa contamos con bos amigos, e tamén aquí queremos ter unha lembranza para o falecido Pepe Seijo, amigo incondicional de Si,hai saída, en cuxo recordo ficará para sempre.

Á Policía Local, cuxa colaboración nos brindaron desde o primeiro momento no que a solicitamos.

Aos centros de ensino que confiaron en nos para transmitir a nosa mensaxe aos mais novos, algo sumamente importante.

E, en xeral, como xa dixemos, a todos aqueles, particulares, profesionais e mesmo Institucións que colaboran con nos de xeito totalmente desinteresado, sinxelamente porque cren en nos.

E, como non podería ser menos, o noso maior agradecemento é para todas as mulleres que, en todos estes anos, depositaron a súa confianza en nos, e tamén pedimos perdón se, para algunha, non estivemos a altura das circunstancias ou erramos.

Do que non hai dúbida, e iso podemos aseguralo, é de que a nosa vontade sempre foi a mellor, e que, dentro da nosa escaseza, por non dicir carencia total de recursos, sempre tentamos actuar do mellor xeito posible, e así seguiremos a facelo.

Non imos ocultar que tampouco faltou quen nos dera as costas, algo que, por outra banda, tampouco é , a día de hoxe, un segredo.

Desde o inicio da nosa traxectoria, no ano 2014, ata o 2017, contamos cunha excelente colaboración coa PolicÍa Nacional, que propiciou, cando llo solicitamos, o seu entón responsable da Comisaría, Manuel Teijeiro, tanto na nosa labor de acompañamento as vítimas, importantísima, xa que para elas é vital sentirse arroupadas nun trance tan duro como é o momento de denunciar, como na de impartir de charlas organizadas por Si, hai saída, que se fixeron extensivas a centros de ensino e a outros eidos ata ese momento bastante relegados, tanto na capital como ao longo de toda a provincia, co obxectivo, nos soamente de darnos voz, se non de humanizar a imaxe da Policía, e, tentar, deste xeito, que cada vez mais mulleres vítimas de violencia de xénero se decidiran a denunciar aos seus agresores, algo que podemos dicir con satisfacción, que se fixo notar, e polo que sempre lle estaremos fondamente agradecidos.

Lamentablemente, tras a súa marcha, os que lle sucederon optaron, non soamente por non continuar con esa colaboración, malia asegurarnos que iso non ía suceder, decisión que, por suposto, respectamos, se non de iniciar unha campaña de desprestixio contra Si, hai saída sen chegar, nun dos casos, nin sequera a coñecernos, que, nin somos quen de entender, nin estamos dispostos, despois de anos nos que tentamos reconducir a situación de todos os xeitos posibles e de calar feitos que non teñen xustificación, a seguir tolerando, xa que foi moito o dano que se nos fixo, e se nos está a facer, e, o peor de todo, sendo moitas vítimas as principais prexudicadas, xa que ao non poder acompañalas a interpoñer a denuncia, dereito que avala o Estatuto das Vítimas, pero que, ante o clima hostil que algún axente da Ufam xeraba, optamos por. non facer, ou dirixirnos directamente ao xulgado, sempre e cando contemos, obviamente, coa aprobación da afectada, xa que algunhas delas dar este paso lles resulta, como é lóxico, excesivamente traumático.

Malia todo, o balance destes 10 anos é moi positivo, e, o mais importante, seguimos, pese a quen pese, mantendo intactas a nosa ilusión e as ganas de continuar nesta loita contra esta dantesca lacra que tantas vidas se está a cobrar, coa confianza de que, oxalá, chegue o momento no que o noso traballo non teña razón de ser, porque non sexa preciso.

GRAZAS, REITERAMOS, DE TODO CORAZÓN.

Asociación Si, hai saída

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com