A Asociación Si hai saída condena o asesinato dun menor en Beniel, Murcia

A asociación Si, hai saída condea o asesinato dun menor en Beniel e reclama unha modificación urxente dunha lei que permite que os proxenitores condeados por maltrato se acheguen aos seus fillos.

Desde a asociación Si, hai saída queremos expresar a nosa consternación polo asesinato dun neno de tan só dez anos nas mans do seu pai, condeado por malos tratos e que foi detido por quebrantar unha orde de afastamento hai pouco mais dun mes, no transcurso dunha das visitas que o réxime de visitas lle concedía, así como todo o noso apoio e agarimo a nai e demais familia do menor.

Desde Si, hai saída demandamos, por enésima vez, a urxente revisión dunha lei que permite que un maltratador poida achegarse, porque así llo permite e mesmo obriga, aos seus fillos menores, expoñendo as súas vidas a un risco, que, como desgraciadamente, tantas veces xa sucedeu, remata en traxedia.

 É totalmente ilóxico, ademais dunha temeridade e unha gravísima irresponsabilidade, afirmar que un proxenitor que maltrata pode, nin remotamente, chegar a ser un bo pai, e soster, ademais, que o contacto cos fillos menores poida ser beneficioso para eles, como ilóxico é tamén que, malia que as nais dos menores, en tantas e tantas ocasións, advirtan do gravísimo perigo que corren os seus fillos, non soamente non sexan escoitadas, se non que sexan elas as castigadas no caso de que, tentando salvar a vida dos seus fillos, non llos entreguen ao pai.

De novo se convocarán minutos de silencio, concentracións, que de nada servirán, e que, como todos deberíamos saber, non lle devolverán a vida ao neno. Nin a él, nin a tantos que xa anteriormente correron a mesma sorte.

Desde Si, hai saída esiximos que se depuren responsabilidades, e, se algo temos claro, e que non cesaremos na nosa loita para tentar non soamente axudar as mulleres e menores castigados pola violencia de xénero, senon para traballar arreo na procura de que as leis que axudan a matarnos sexan revisadas e reformadas de xeito urxente, algo a todas luces imprescindible, e que, lamentablemente, ninguén con competencias semella contemplar.

Asociación Si, hai saída

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo