" />

A Asociación Si, hai saída cre que as novas medidas contra a violencia de xénero aprobadas polo Goberno chegan tarde, son insuficientes e amosan, unha vez mais, o descoñecemento da realidade das vítimas.

Comunicado Asociación Si, hai saída.

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero, en relación coas novas medidas aprobadas polo Goberno a pasada semana, desexamos manifestar o seguinte:

. En primeiro lugar, cremos que é absolutamente indignante cualificar de “urxentes” unhas medidas, que son, na súa maioría, sinxelamente, cuestión de puro sentido común, que chegan despois de que 28 mulleres ata a data da súa aprobación, 30 na actualidade, 31 de confirmarse que tamén o é o da muller cuxo cadáver foi achado no interior dun camión en Nombela (Toledo) e 3 menores foran asasinados no que vai de ano por mor da violencia machista.

. En canto as propias medidas, e dado que se faría demasiado extenso analizar por este medio unha por unha todas e cada unha delas, imos debullar tan so algunhas das que nos parecen mais significativas e que deixan claro que, unha vez mais, a loita contra violencia de xénero se está a xestionar única e exclusivamente desde os despachos, sen ter en conta a auténtica realidade das vítimas, que segue a ser, obviamente, a gran descoñecida.

.Impulso dos puntos violeta en establecementos comerciais, que serán, din desde o Goberno, un lugar seguro, de apoio para as vítimas.

Os establecementos que desexen adherirse a esta iniciativa deberán descargar unha guía a que se poderá acceder de xeito físico ou a través dun código QR que permitirá informar as vítimas sobre como iniciar o camiño para saír da súa situación e pedir axuda.

A nosa pregunta é, quen se vai encargar de facilitarlles esa información?.

Os traballadores dos comercios?. Vai ser esta tamén unha das súas obrigas?.

Acaso todos eles son especialistas en violencia de xénero, se lles vai formar, ou ben van empregar en cada establecemento adherido a alguén que si o sexa?.

Porque, de non ser así, entendemos que, como é lóxico, pouco mais poderán facer que facilitarlles algún tríptico, folleto, etc, etc, no que se lles informe dos recursos aos que poden acceder.

Non podemos obviar, ademais, a circunstancia de que, en moitos casos, non é a propia vítima a que solicita esa información, se non alguén da súa contorna, familiar, amigo…..

. Formación regrada e obrigada para os axentes de policía, persoal xudicial, etc, necesaria, sen dúbida, pero que, entendemos, non é a maior eiva existente neste eido, xa que a maioría a teñen, pero, lamentablemente, unha vez mais se obvia o mais importante, e que, por mais que cantos traballamos directamente coas vítimas o pregamos se teña en conta, é inútil.

Facer un curso, ou varios, obter un diploma, unha certificación, é relativamente doado, pero, como se asegura a sensibilidade, a capacidade para empatizar, a humanidade, imprescindibles para asistir, asesorar e reconfortar a mulleres que están, nunha gran maioría totalmente conmocionadas, asustadas e cun mais que fundado temor ante a incerteza do que lles agarda?.

Que curso de formación garante que non se dean situacións tan sangran tes como, por exemplo, que unha vítima sexa atendida por un policía que, a súa vez, na súa vida privada, é un maltratador, que a vítima acabe diante dun xuíz que é un machista de manual, ou mesmo diante dunha muller policía que, malia o seu xénero, e que se tenda a presupoñer o contrario, pode ter empatía cero coa vítima?.

E estas non son situacións inventadas, se non reais, e que mais dunha vítima viviu e vive, sendo esta unha problemática das mais graves, pero que semella que todo o mundo ignora ou, aínda peor, quere ignorar.

. Reforzar a seguridade das vítimas e dos seus fillos, malia que non exista denuncia, así coma aquelas que renuncian a continuar con procedemento.

Unha vez mais reiteramos que é, sinxelamente, imperdoable que a violencia machista tivera que acadar unhas cotas tan dantescas para que desde o Goberno se propoña tal medida, máxime cando todos sabemos que son moitos os casos nos que, por exemplo, mulleres con ordes de afastamento en vigor, foron asasinadas por non contar co seguimento e a protección adoitadas e a que tiñan todo o dereito, malia o cal non se lles prestou, sendo isto mais evidente en períodos vacacionais como poden ser Nadal, ou o verán.

Moitas veces se tentou xustificar algo tan grave alegando falta de efectivos, polo que resulta como mínimo curioso que, de súpeto, esa falta xa non represente un problema.

Por outra banda, obviar a denuncia non é a solución, e o único que se consigue con isto é garantir a impunidade do maltratador e fomentar, porén, que continúe agredindo.

. Promover o adecuado tratamento das noticias e da información sobre a violencia de xénero que se ofrece polos distintos medios de comunicación e evitar que a publicidade ofreza unha imaxe “cosificadora da muller”.

Pouco se pode dicir acerca dunha medida que contradise de cheo coa actitude dun Goberno que amosa claramente o seu apoio e prodiga ademais a súas aparicións nunha canle de Tv. que é o exemplo mais evidente desa imaxe “cosificadora da muller” e que convirte a violencia de xénero nun negocio indecente, converténdoa nun auténtico reallity co fin de acadar audiencia e lucrarse.

. Así mesmo, en canto a violencia vicaria, unha das caras mais crueis da violencia de xénero, e na que, de súpeto, case todo o mundo é experto, temos que lamentar que semelle ter sido descuberta agora, porque neste país, a estas alturas, xa queda claro que aquelo que non se mediatiza, non existe.

Poderíamos seguir, pero, como xa dixemos, sería demasiado extenso.

Imos rematar incidindo en que, no que atinxe a violencia de xénero, toda medida para tentar paliala é, obviamente, benvida, pero, lamentablemente, unha vez mais, por desgraza coma case sempre, imos tarde, mal e non son suficientes, nin totalmente realistas, algo inevitable cando non se coñece a realidade, ou non se quere coñecer.

Asociación Si, hai saída

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo