A Asociación Si, hai saída fai unha valoración sobre a eficacia das axudas para cambio de residencia a mulleres maltratadas, e a falta de protección que lles obriga a tomar esta decisión, non sempre desexada, e, porén, inxusta

Tras o asasinato machista que lle custou a vida, a pasada semana a Mónica Marcos nas mans da súa parella, algúns medio de comunicación nos recordaron de novo as axudas que, desde as Administracións, e mais concretamente, desde o Ministerio de Igualdade, se conceden a mulleres vítimas de violencia de xénero que, tras denunciar ao seus agresores, e temendo as posibles represalias, se ven na necesidade, non sempre coincidente cos seus desexos nin coa súa vontade, de abandonar as súas residencias para trasladarse a outras lonxe deles.

Evidentemente, toda axuda é benvida, pero, malia isto, en mais dunha ocasión ao longo destes anos, nos fixemos eco de certos aspectos que fan que estas axudas, tramitadas a través do Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE) non soamente non sexan suficientes, se non que esixen unha serie de requisitos para a súa solicitude e posterior concesión que deixan en evidencia, unha vez mais, o descoñecemento que, desde as Administracións, existe acerca da auténtica realidade, do día a día, das vítimas da violencia machista.

Non obstante, antes de incidir novamente nestes aspectos digamos prácticos, desexaríamos suliñar e facer fincapé dun xeito moi especial nunha das circunstancias que leva a estas mulleres a verse na necesidade de solicitar estas axudas, e que raramente, por non dicir nunca, se menciona.

Certamente, nalgunhas ocasións, é a propia vítima a que, por temor, desexa poñer terra por medio e afastarse todo canto sexa posible do que foi o seu domicilio ata o momento da denuncia, pero noutras moitas, este é o último que desexaría facer, xa que ao traumático da situación de malos tratos que viviu, dos posteriores procesos de denuncia e xudicial, extremadamente duros, ten que engadir o de rachar coa súa contorna, abandonar o seu fogar, e afastarse de todos aqueles que a arrouparían e a apoiarían xustamente cando mais o necesita, nun momento de grande vulnerabilidade emocional e mesmo física, no que todo apoio é pouco, coma se ela fora, en lugar da vítima, a delincuente, mentres o seu agresor continua tranquilamente coa súa vida, situación esta que se torna aínda mais dura cando existen menores aos que se afasta, igualmente, ademais da súa contorna familiar, do seu colexio, dos seus amigos, con todo o prexuízo emocional que implica para eles, e todo isto porque non se lles garante, en ningún momento, nin se contempla a posibilidade de facelo, a protección que precisan e a que teñen todo o dereito, sen que ninguén con competencias semelle reparar en algo tan importante, nin se albisque a menor intención de que se intente emendar.

De feito, nin se fala disto, porque,como sucede con tantas outras cousas, do que non se fala, non existe.

É enormemente inxusto que sexa a vítima a que teña que fuxir coma se fora unha delincuente mentres o seu agresor goza de total liberdade. Hai que protexelas, a elas, aos seus fillos, e non afastalas de todo aquelo que lles serve de apoio, de soporte, cando mais o precisan, engadindo, a súa dor, a soidade. Sen esquecer que a distancia non é tampouco garantía ningunha, porque, como xa deberíamos ter todos claro, cando un maltratador ten intención de matar, por desgraza, mais tarde ou mais cedo acaba por facelo.

Existen, ademais, como xa dixemos, unha serie de condicionantes ou requisitos para a solicitude e concesión destas axudas, aos que xa nos referimos en ocasións precedentes, que as fan inaccesibles para moitas vítimas, como pode ser, por citar algún deles, que non convivan co seu agresor no momento de solicitalas, algo totalmente inviable para moitas delas dada a situación de dependencia económica que en numerosas ocasións vai unida a violencia de xénero, e que fan que non dispoñan, obviamente, de recursos para interromper esa convivencia, ou que as vítimas deban acreditar que se viron obrigadas a cambiar de residencia nos doce meses anteriores a solicitude desa axuda, requisito este que ven a demostrar, unha vez mais, que, desde as Administracións, están aínda moi lonxe de entender que a violencia de xénero non entende de prazos, nin de burocracia, e que se deixe de axudar a unha vítima porque se viu na necesidade de fuxir da súa casa para salvar a súa vida e tal vez a dos seus fillos un mes arriba ou abaixo do que a burocracia lle esixe non é motivo nin xustificación para negarlle unha axuda e deixala desprotexida.

Non podemos obviar, ademais, o feito de que a propia Administración é a que ten que acreditar a condición de vítima de violencia de xénero das solicitantes, e a experiencia nos demostra que, por desgraza, e por moito que custe admitilo, non son poucas as situacións enormemente graves na que, malia todo, a Administración non detecta indicios desta violencia.

En definitiva, mentres a violencia machista segue a cobrarse vidas, temos que seguir lamentando que se continúa esquecendo o factor humano, ollándoa prioritaria e case exclusivamente desde os despachos, e que, porén, a burocracia se segue antepoñendo a protección e a axilidade e efectividade para prestarlles axuda que as vítimas requiren.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com