A Asociación Si, hai saída manifesta a súa preocupación ante a posta en liberdade do “Violador do portal” e incide na urxencia da revisión inmediata da lei do “Solo si es si”

Desde a Asociación Si, hai saída desexamos manifestar a nosa preocupación e a nosa alarma ante a posta en liberdade, por mor da lei do “Solo si es si” do chamado “Violador do Portal”,que é unha evidencia mais das graves eivas dunha lei que, non dubidamos que fora concibida con moi boas intencións, pero con nefastos resultados, como queda patente co feito de que, a día de hoxe, deixa xa, ata o momento, un arrepiante saldo de 506 revisións de condenas e 47 excarceracións, entre as que se conta a de I.H.Z.que agrediu sexualmente, no ano 2016, a unha rapaza que estudaba na nosa cidade, no portal do edificio no que esta residía, na zona de Augas Férreas, aproveitando que coñecía perfectamente a distribución do portal, xa que se dedicaba a instalación de fibra óptica.

Un mes despois actuou de novo na mesma zona, pero a vítima puido, tras un forcexeo, berrar e alertar ao seu marido, mentres el fuxía.

Tras un terceiro intento, que afortunadamente, non puido levar a cabo, e ser identificado grazas as probas de ADN obtidas dos vestixios achados na vítima e no seu perfil noutra causa, sendo estas coincidentes entre si, foi finalmente detido e condenado, posteriormente, en Marzo do 2020, a 6 anos e 6 meses, fronte aos 11 solicitados pola Fiscalía, tras chegar a un acordo as partes, coa finalidade de evitar repetir o xuízo e evitar que as vítimas tiveran que revivir o seu horror.

Agora, coa aplicación da lei do “Solo si es si”, foi excarcerado, terá que levar unha pulseira telemática durante 8 anos, ademais de ter unha orde de afastamento das súas vítimas de 500 mts. e a obriga de participar nun programa sobre vítimas contra a liberdade sexual.

Non é difícil,ou non debería selo, imaxinar o que isto implica para as súas vítimas, coma para tantas outras que ven, impotentes e aterrorizadas, como as condenas dos seus agresores son considerablemente reducidas ou, coma neste caso, directamente saen a rúa, precisando ter vixilancia permanente, coma se elas foran as delincuentes, e, reiteramos, revivindo o seu horror, co que isto implica, tanto para a súa estabilidade emocional, que tal vez nunca cheguen a recuperar, coma para as súas posibilidades de levar unha vida normal, sen medo, a que teñen todo o dereito.

Non supón, como é lóxico comprender, alivio ningún o argumento esgrimido, e, con todo o respecto o dicimos, no noso xuízo, moi pouco sólido e menos aínda realista, polo avogado de agresor, que, aínda recoñecendo que a taxa de reincidencia destes delincuentes é bastante elevada, o feito de estar en liberdade vixiada, o arrepentimento, aínda no suposto de que este sexa real, e a boa conduta, fan practicamente imposible esa reincidencia, como tampouco o é a distancia xeográfica coas vítimas, xa que o feito de que non volva a agredir a estas mulleres de novo, non presupón que non o faga con outras.

Sabemos, ademais, que hai protocolos que non sempre son infalibles, polo cal, o argumento da Delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, de que nunca un dispositivo electrónico fallou, é un tanto temerario, porque ninguén pode afirmalo, entendemos, con total rotundidade, xa que, de ter sucedido, o mais probable é que non chegara a saberse, e, aínda no caso de que así fora, si pode fallar a resposta, non nos enganemos.

Tampouco nos convence en absoluto o feito de que, unha vez mais, faga recaer toda a culpa no Órgano Xudicial, amosando, de novo, unha nula capacidade de autocrítica, nin de vontade para tentar modificar os aspectos dunha lei que, a todas luces, presenta perigosas eivas, xa que era previsible que aqueles agresores que puideran beneficiarse dela así o ían solicitar, polo que se están limitando a aplicala.

Os xuíces non a crearon, non o esquezamos.

Non podemos eximilos de toda responsabilidade, certo, pero tampouco trasladarlles a que non lles corresponde, algo moi doado e que cada vez se está facer con maior lixeireza.

É absolutamente intolerable, dado o cargo que ostenta, manifestacións como, e citamos textualmente, “las leyes penales no hay que revisarlas con tanta urgencia porque hacia atrás no tiene remedio y a futuro es mucho mejor ley”, que deixan en evidencia a nula empatía coas vítimas de agresións sexuais ou de calquera tipo, e coas mulleres en xeral.

Por desgraza, esta falta de empatía, esta mostra evidente do descoñecemento da realidade das vítimas da violencia de xénero, de calquera tipo de agresión, da súa angustia, das súas necesidades reais, son unha constante do Ministerio de Igualdade desde que chegaron ao poder, semellando estar mais preocupadas da súa imaxe mediática que de loitar pola causa coa que se comprometeron, e na que atoparon, todo hai que dicilo, un lucrativo xeito de vida.

A soberbia, a nula capacidade para o diálogo, para a autocrítica, para asumir os erros, que todos e todas cometemos, pero que hai que ter a humildade de aceptar para arranxalos, son, sen dúbida, inxustificables no eido político, sexa da cor que sexa, pero mais aínda cando se trata do que ten nas súas mans as vidas de tantas mulleres e de tantos menores.

Asociación Si, hai saida.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com